Pestanas principais

O Concello de Ames difunde o Roteiro Maker na Red Innpulso

Martes, 02 de abril de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e innovación, elaborou un vídeo resumen do Roteiro Maker co obxectivo de dar a coñecer esta iniciativa na Red Innpulso. O Roteiro Maker, unha furgoneta que organiza obradoiros itinerantes gratuítos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, visitou os colexios de Agro do Muíño, A Maía, Barouta e Ventín entre o 20 e o 23 de febreiro para conmemorar o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Nesta iniciativa participaron arredor de 400 alumnos e alumnas de educación infantil e primaria. Con esta iniciativa o Concello de Ames busca dar a coñecer a figura das mulleres en diversas áreas científicas.

Entre o 20 e o 23 de febreiro, un Roteiro Maker con obradoiros científicos e tecnolóxicos percorreu os centros educativos amesáns para conmemorar o Día da Muller e a Nena na Ciencia: o martes 20 estiveron no CEIP de Barouta, o mércores 21 no CEIP A Maía, o xoves 22 no CEIP Agro do Muíño, e o venres 23 no CEP de Ventín. Dende os centros de ensino solicitáronlle ao Concello que repitan esta actividade debido ao gran éxito que tivo entre o alumnado.

A través dos obradoiros do Roteiro Maker os nenos e nenas aprenderon sobre realidade aumentada, robótica... con actividades moi interactivas. Os nenos/as participaron en actividades de matemáticas sen sabelo, porque fixérono con actividades divertidas e interactivas. A idea principal desta iniciativa é darlle un impulso á implicación das nenas nas disciplinas científicas, para que non queden no camiño e que saiban que tamén poden traballar en ciencia e tecnoloxía.

Para difundir esta iniciativa na Red Innpulso a empresa Mirabelle Comunicación Audiovisual elaborou un vídeo resumen das actividades que se realizaron a través do Roteiro Maker nos centros de ensino. Esta iniciativa contribúe a destacar o papel de Ames dentro da Red Innpulso como cidade da ciencia e da innovación.

A concelleira de Promoción Económica e Innovación, Ana Belén Paz, destacou que “o Concello de Ames quixo poñer en valor un ano máis o Día da Muller e a Nena na Ciencia que se celebrou o pasado 11 de febreiro. Con este obxectivo puxemos en marcha este Roteiro Maker, que percorreu durante esta semana catro colexios de Ames e no que participaron preto de 400 alumnos/as”.

Ademais, indicou “o balance desta iniciativa é moi positivo xa que os rapaces e rapazas participaron activamente nas actividades das Estación Espacial, dedicada a Alyssa Carson; Estación Realidade Aumentada, centrada na figura de Ángela Ruiz; e Estación Experimentos dedicada a Jane Colden. Unha mostra do éxito que tivo esta iniciativa é que dende os centros de ensino solicitaron que, se é posible, se repita esta actividade debido á boa aceptación que tivo entre o alumnado”.

O Roteiro Maker: tres estacións de actividades
Robótica, ciencia e tecnoloxía á man de todas e todos. O Roteiro Maker achegou a ciencia e a tecnoloxía ofrecendo diferentes obradoiros gratuítos para tódolos públicos e nun formato innovador e divertido.

No concello de Ames leváronse a cabo catro xornadas de mañá con tres estacións diferentes, nas que se tratou unha disciplina científica e a figura dunha muller destacada nesa área. Nelas participaron arredor de 400 rapaces e rapazas de segundo e terceiro ciclo de educación primaria.

A primeira foi a Estación Espacial, na que se falou sobre Alyssa Carson, unha rapaza de 21 anos que se converteu na persoa máis nova en ingresar na Advanced Space Academy e que aspira a converterse nunha das primeiras persoas en pisar Marte. Nesta estación o alumnado aprendeu como se utiliza a impresión 3D na exploración espacial, tanto para deseñar foguetes como para crear bases espaciais.

A segunda estación foi a de Realidade Aumentada, centrada na figura de Ángela Ruiz Robles, mestra e inventora galega recoñecida como a precursora do libro electrónico.

A derradeira parada era a Estación Experimentos, onde o alumnado puido achegarse á figura de Jane Colden, unha botánica que catalogou máis de 300 especies de plantas e que está considerada como a primeira muller científica de América. Tamén aprenderon a crear mostras e velas no microscopio, onde puideron observar diversas mostras de microorganismos e plantas.

O Concello de Ames difunde o Roteiro Maker na Red Innpulso

Multimedia

  • Embedded thumbnail for