Pestanas principais

O alcalde de Ames, Blas García, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitan as obras de construción do CEIP Gerardo Fernández Albor

Martes, 04 de agosto de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou esta mañá, xunto co alcalde de Ames, Blas García, o avance das obras de construción do novo Colexio Gerardo Fernández Albor, no Milladoiro. Neste momento os traballos avanzan a bo ritmo e segundo o previsto, aproveitando o verán para intensificar o ritmo nas actuacións exteriores. Así as cousas, a previsión é que as obras, que está a executar o Grupo Puentes, estean rematadas antes de setembro de 2027 e o centro, por tanto, abra as súas portas para o curso 2027/28.

Precisamente o Consello aprobou onte darlle ao centro o nome do primeiro presidente electo da Xunta de Galicia. Deste xeito, bautizar este colexio, o primeiro deseñado de xeito íntegro en base ao Plan de nova arquitectura pedagóxica que establece un novo modelo de centros á vangarda, servirá para pechar un ciclo e render homenaxe ao gran avance que experimentou a educación pública galega nos últimos 40 anos.

En canto ao proceso de obra, o conselleiro declarou que “todo vai sobre o previsto, temos un terzo da construción rematada neste momento. A idea é que poida estar listo para comezar o curso que vén, en setembro de 2027”. Román Rodríguez tamén sinalou que “estamos ante un centro educativo que vai ser unha referencia dende a perspectiva dos novos espazos educativos, xa que vai ser o primeiro colexio que se fai dentro do novo plan de arquitectura pedagóxica. É un espazo que vai dar moito confort a toda a comunidade educativa, preparado dende a perspectiva climática e buscando o aforro enerxético. Vai ser un colexio de referencia nun dos poucos concellos que ten crecemento positivo”.

No caso do alcalde de Ames, Blas García, este defendeu “o que defendo sempre: a colaboración institucional entre distintas administracións. A Xunta de Galicia ten unha cor política distinta á do Goberno Municipal de Ames, pero iso non impide que teñamos todos a vontade de poder chegar a acordos, poder facer cesións, poder facer o que nos toca a cada un no seu momento... Nós imos urbanizar no mes de xaneiro a parte frontal da escola, que é o que nos toca. Eles fan a obra e nos achegamos aos nenos e nenas para que veñan aquí”.

Espazos flexibles e polivalentes
A Xunta está a investir máis de 11,6 M€ na construción deste colexio que, de acordo cos parámetros do citado plan, contará con espazos polivalentes e flexibles. O deseño do centro propón volumes baixos e adaptados á paisaxe, con boa iluminación natural e en contacto visual cos espazos exteriores de patio e xardín, especialmente os espazos de uso colectivo. Ademais, o colexio contará cun foro multifuncional que servirá como lugar de aprendizaxe aberto e que se situará no espazo central do primeiro andar, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.

A superficie construída será de 4.886 m² separada en dous andares, con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio e desdobre de grupos, aula de música e sala de usos múltiples, ademais dun Polo Creativo. Así mesmo terá biblioteca, ximnasio con vestiarios, área de administración (despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

As zonas para actividades de carácter colectivo sitúanse próximas aos accesos ao exterior, mentres que as destinadas a aulas e actividades administrativas se sitúan no ámbito sur, en contacto visual cos espazos exteriores de patio e xardín. As aulas de Primaria están protexidas por soportais e as de Infantil dispoñen de cadanseu espazo exterior cuberto para evitar a incidencia solar ou da choiva sobre as mesmas. Os 1.974 m² de espazos exteriores distribúense entre zona cuberta e descuberta para as aulas de Infantil e pista polideportiva cuberta e descuberta.

A accesibilidade será universal e inclusiva, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias e itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos. Ademais de sinalética de gran tamaño e cor facilmente visible, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia do edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.

Case 15,5 M€ en Ames
O conselleiro puxo en valor o investimento que a Xunta está a facer en concellos de gran dinamismo demográfico, como o de Ames, no que se están a investir case 15,5 M€ na construción e mellora de centros educativos. Ademais da edificación do CEIP Gerardo Fernández Albor, vén de rematarse a ampliación do Colexio Agro do Muíño (preto de 3,4 M€) e o cambio de cuberta do Colexio de Barouta (237.000 €).

Ademais, ao abeiro do Plan de benestar e accesibilidade na escola, Ben_Estar 2026, de obras de pequena e mediana envergadura que se adoitan executar no verán, a Consellería de Educación realiza este ano melloras nos colexios A Maía, Agro do Muíño,  de Barouta e Plurilingüe de Ventín, así como nos institutos do Milladoiro e Plurilingüe de Ames.

O alcalde de Ames, Blas García, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitan as obras de construción do CEIP Gerardo Fernández Albor

Multimedia

  • O alcalde de Ames, Blas García, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitan as obras de construción do CEIP Gerardo Fernández Albor
  • O alcalde de Ames, Blas García, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitan as obras de construción do CEIP Gerardo Fernández Albor
  • O alcalde de Ames, Blas García, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitan as obras de construción do CEIP Gerardo Fernández Albor
  • O alcalde de Ames, Blas García, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitan as obras de construción do CEIP Gerardo Fernández Albor