Actualidade

Ex., 10-09-2026
Ex., 10-09-2026
Martes, 11 de novembro de 2025
FAGAMOS e o Concello organizan os Encontros Monoparentais en Ames

A Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS), en colaboración co Concello de Ames, organizan a actividade “Encontros Monoparentais en Ames”. Esta iniciativa, que se vai desenvolver no Milladoiro e Bertamiráns, está dirixida a familias monoparentais do concello de Ames (nais/pais e os seus fillos e fillas). Ofreceranse dúas charlas: o 14 de novembro na Casa da Cultura do Milladoiro e o 22 de novembro no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ademais, establecerase un punto de asesoramento personalizado o 17 de novembro no Milladoiro e o 25 de novembro en Bertamiráns. Para contar cunha previsión de participación hai que inscribirse enviando un correo electrónico a servizos_sociaisberta@concellodeames.gal. O prazo de inscrición para participar na charla do Milladoiro estará aberto ata ás 00.00 horas do xoves 13 e para a charla de Bertamiráns ata as 00.00 horas do venres 21.

Domingo, 09 de novembro de 2025
O Concello aproba a concesión de 60.000 euros en subvencións a catorce entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 27 de xullo, a concesión de axudas para o exercicio 2025 a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, para a promoción de actividades de servizos comunitarios e inclusión social. Un total de catorce entidades recibirán 60.000 euros para promover actividades complementarias aos servizos sociais, que favorezan a inclusión, a saúde pública ou a formación laboral.

Luns, 03 de novembro de 2025
Participa no novo obradoiro de lectura que organiza a Oficina de Voluntariado en Bertamiráns

O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado, organiza un novo obradoiro de lectura, dirixido para persoas adultas. A actividade é gratuíta e impartirase na Casa da Cultura de Bertamiráns os martes en horario de 16.30 a 18.00 horas e dará comezo o vindeiro 11 de novembro. Para participar ou solicitar máis información, hai que enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.  

Mércores, 29 de outubro de 2025
Asotrame e o Concello de Ames programan no Milladoiro unha charla de sensibilización sobre a doazón de medula ósea

O Concello de Ames colabora coa Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame), para realizar unha charla sobre a doazón de medula ósea no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Esta actividade será o xoves 6 de novembro ás 19.30 horas. “Como salvar unha vida” é o titulo da charla que se ofrecerá a próxima semana no Milladoiro. A charla consiste en ofrecer información sobre o cancro hematolóxico, falar da importancia da doazón e eliminar mitos e bulos sobre este proceso.

Martes, 28 de outubro de 2025
O Concello de Ames recibe a Milagro Alvarado, Juventina López e Ana Donis, mulleres defensoras de dereitos humanos do programa Galicia Abriga

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Igualdade, realizoulle esta mañá unha recepción a tres mulleres defensoras dos dereitos humanos, Milagro Alvarado, Juventina López e Ana Donis, que participan na segunda edición do programa de acollida temporal Galicia Abriga. Ames é a única Administración pública local que participa e colabora neste programa. En dita recepción participaron o alcalde, a concelleira de Igualdade e concelleiros/as da Corporación municipal, que amosaron o seu apoio e recoñecemento a estas tres mulleres de El Salvador e Guatemala. Tamén participou persoal municipal, representantes de Agareso e María Paz, coordinadora do programa Galicia Abriga.

Luns, 27 de outubro de 2025
Ames organiza un acto aberto á veciñanza para coñecer ás mulleres defensoras de dereitos humanos do programa Galicia Abriga

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Igualdade, colabora por segundo ano consecutivo coa entidade Solidariedade Internacional de Galicia. O obxecto é colaborar na segunda edición do programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos denominado Galicia Abriga. Trátase dun programa de acollida temporal para mulleres que defenden os dereitos humanos en países con presenza da cooperación galega. Para dar a coñecer dito programa organizouse para este martes, 28 de outubro, un acto aberto á veciñanza no que participarán Milagro Alvarado, Juventina López e Ana Donis, que son as tres mulleres que participan este ano no programa Galicia Abriga. O acto celebrarase ás 12.00 horas no salón de plenos da Casa do Concello.

Sábado, 25 de outubro de 2025
32 persoas reciben o diploma que acredita a formación necesaria para dispor do informe favorable de esforzo de integración

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, organizou un curso de esforzo de integración dirixido principalmente a persoas en situación de irregularidade administrativa próximas a solicitar a súa regulación. A formación impartiuse do 20 de setembro ao 18 de outubro en cinco sesións de oito horas cada unha. En total foron 40 horas de formación para obter o certificado que acredita que teñen reciba a formación necesaria que se lles esixe para dispor do informe favorable de esforzo e integración expedido pola administración competente nesta materia. Este informe é preceptivo en determinados casos de regularización de persoas inmigrantes (arraigo social, arraigo socio-formativo, etc.).

Martes, 21 de outubro de 2025
O Banco de Reciclaxe Electrónico do Milladoiro organiza un obradoiro de posta a punto e reciclaxe do teu computador

O Banco Municipal de Reciclaxe Electrónica do Milladoiro imparte o sábado, 25 de outubro, organiza un repair cafe de equipos informáticos. Trátase dun obradoiro de posta a punta e reciclaxe do teu computador. Trae o teu equipo informático e explicarémosche o seu funcionamento e axudámosche a instalarlle un sistema operativo libre. Esta actividade impartirase no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:30 a 13:00 horas. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón

Mércores, 15 de outubro de 2025
Inscríbete e participa na Escola da maiores de Bertamiráns

O prazo de matrícula na Escola integral de maiores de Bertamiráns, coordinada pola Oficina de Voluntariado de Ames e dependente da Concellaría de Benestar Social, xa está aberto. As persoas maiores de 60 anos que queiran participar nesta actividade deberán inscribirse chamando ao teléfono 662 377 044 ou acudir á Oficina de Voluntariado, na Casa da Cultura de Bertamiráns, de 10:00 a 13:00 horas. Nestas clases o alumnado adquirirá e repasará coñecementos como a lectura, a escritura ou as contas matemáticas básicas dun xeito dinámico. As clases comezarán o vindeiro luns, 27 de outubro, e rematarán a finais de xuño.

Martes, 07 de outubro de 2025
O Banco de Reciclaxe Electrónico do Milladoiro organiza o obradoiro “O soporte de Windows 10 remata, e agora, que facemos?”

O Banco Municipal de Reciclaxe Electrónica do Milladoiro imparte o sábado, 11 de outubro, unha charla informativa e obradoiro gratuíto no que as persoas participantes coñecerán como aproveitar ao máximo o seu ordenador cando xa non se pode actualizar a Windows 11. Microsoft non permite pasar da versión Windows 10 á 11. Este é o problema, polo que váiselle dar opcións para aproveitar os equipos. Esta actividade impartirase no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:30 a 13:00 horas. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.