Pestanas principais

Participa no novo obradoiro de lectura que organiza a Oficina de Voluntariado en Bertamiráns

Luns, 03 de novembro de 2025

O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado, organiza un novo obradoiro de lectura, dirixido para persoas adultas. A actividade é gratuíta e impartirase na Casa da Cultura de Bertamiráns os martes en horario de 16.30 a 18.00 horas e dará comezo o vindeiro 11 de novembro. Para participar ou solicitar máis información, hai que enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.  

A Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) organiza un novo obradoiro de lectura, unha actividade dirixida para todas aquelas persoas adultas que queiran gozar dun espazo no que reflexionar e compartir diferentes pensamentos e ideas arredor das lecturas propostas. O obradoiro estará impartido por Susana Marta Taboada Blanco, voluntaria da OVA ligada profesionalmente ao mundo da lectura. 

Cada sesión do obradoiro dará comezo unha participación previa dos asistentes antes de dar comezo á lectura por parte da encargada de impartir a actividade. Deste xeito, búscase que sexa un espazo diferente aos clubs de lectura pois, nesta ocasión, preténdese abrir un diálogo e debate a través da escoita dos fragmentos de diferentes lecturas. 

Nas primeiras xornadas, o espazo de reflexión será arredor de dúas lecturas, unha delas é “Buenas prácticas para mayores: Cómo vivir y aprovechar la nueva longevidad”, mentres que a outra será a novela “El despertar de la señorita Prim”. 

A actividade dará comezo o vindeiro 11 de novembro e as sesións terán lugar os martes en horario de 16.30 a 18.00 horas. Non hai límite de prazas para participar, polo que as persoas interesadas en asistir só teñen que mandar un correo ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.  

Participa no novo obradoiro de lectura que organiza a Oficina de Voluntariado en Bertamiráns

Multimedia

  • Participa no novo obradoiro de lectura que organiza a Oficina de Voluntariado en Bertamiráns