Actualidade

Ex., 01-07-2026
Ex., 01-07-2026
Luns, 15 de novembro de 2021
Este martes, 16 de novembro, celébrase un Pleno extraordinario

O Goberno municipal leva ao Pleno extraordinario que se vai celebrar este martes 16 de novembro a aprobación dun suplemento de crédito para gastos xerais. O suplemento ascende a un total de 1.451.360 euros e vaise financiar maioritariamente co remanente de tesourería. Tamén se levará a Pleno a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 146.925 euros para a aprobación de facturas correspondentes ao exercicio 2020 que non dispoñían de crédito, entre as que vai unha factura de 123.607 euros do servizo de monitoraxe de comedores escolares do mes de decembro de 2020.

Venres, 15 de outubro de 2021
Aprobada por unanimidade a Conta Xeral do Concello de Ames do 2020

Este xoves, 14 de outubro, celebrouse un pleno extraordinario e urxente no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a Conta Xeral de 2020 e deuse conta das resolucións contrarias aos reparos formulados pola intervención. O Concello de Ames pechou o exercicio 2020 cun resultado orzamentario axustado de 1.638.000€ e un remanente de tesourería de 8.363.000€, e recolle a maior cifra de execución de investimentos da historia do Concello de Ames, cunha cifra de execución de investimentos reais de 4.185.000€. A Conta Xeral 2020 fora ditaminada favorablemente o pasado 6 de setembro pola Comisión Informativa Permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas e exposta publicamente por un prazo de 15 días hábiles. Trala aprobación plenaria renderase dita conta ante o Consello de Contas.

Mércores, 08 de setembro de 2021
Informada e ditaminada favorablemente a Conta Xeral do 2020 do Concello de Ames

O pasado luns 6 de setembro ás 13:00 horas celebrouse a Convocatoria Extraordinaria da Comisión Informativa Permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas co único punto de “Exame e informe da Conta Xeral 2020” en que se ditaminou favorablemente a Conta Xeral 2020. A Conta Xeral do 2020 xunto co ditame da Comisión Especial de Contas será exposta ao público por un prazo de 15 días hábiles durante os cales se poderán presentar reclamacións, reparos ou observacións. Logo someterase ao Pleno da Corporación para a súa aprobación e renderase ante o Consello de Contas. Dentro da Conta Xeral a liquidación orzamentaria é a parte máis importante e na que se reflicten a execución do orzamento de gastos, ingresos e o resultado orzamentario, así como outras magnitudes coma o remanente de tesourería e cumprimento das regras fiscais.

Mércores, 12 de maio de 2021
Imaxe da xuntanza coas asociacións veciñais do rural

Este martes, 11 de maio, ás 20:30 horas, celebrouse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, unha xuntanza coas asociacións do rural para falar da execución dos Orzamentos Participativos 2020 e deseñar as actuacións para desenvolver o proceso de Orzamentos Participativos 2022 de cara a escoller as actuacións durante este ano 2021. A dita xuntanza asistiron membros do Goberno municipal e representantes de 15 asociacións veciñais do rural amesán. Estivo representada a veciñanza de 10 das 11 parroquias de Ames.

Martes, 27 de abril de 2021
Cartaz da campaña informativa sobre a flexibilización no pago dos impostos municipais xestionados pola Deputación

O Concello de Ames lembra que está aberto ata este venres, 30 de abril, o prazo para acollerse ao Plan especial de pagamento individualizado, a través do cal se pode solicitar o fraccionamento sen xuros dos recibos dos impostos municipais de 2021 xestionados pola Deputación (IBI, vehículos, IAE, etc.) en 10 mensualidades a partir de 2022 e en 7 meses durante este ano 2021. A veciñanza amesá tamén se pode acoller ao sistema especial de pagamento voluntario dos recibos en dous prazos sen xuros. Para poder acollerse no 2021 a estes plans hai que tramitar a solicitude antes do 30 de abril de 2021. Para obter máis información pódese escribir un correo electrónico ao enderezo atencion.tributaria@dacoruna.gal ou chamar ao número de teléfono gratuíto 900 132 204.

Mércores, 14 de abril de 2021
Cartaz da campaña informativa sobre a flexibilización no pago dos impostos municipais xestionados pola Deputación

A Concellaría de Economía e Facenda vén de publicar unha campaña dobre o Plan especial de pagamento individualizado, que permite solicitar o fraccionamento sen xuros dos recibos dos impostos municipais xestionados pola Deputación (IBI, vehículos, IAE, etc.) en 10 mensualidades a partir de 2022 e en 7 meses durante este ano 2021. A veciñanza amesá tamén se pode acoller ao sistema especial de pagamento voluntario dos recibos en dous prazos sen xuros. Para poder acollerse no 2021 a estes plans hai que tramitar a solicitude antes do 30 de abril de 2021. Para obter máis información pódese escribir un correo electrónico ao enderezo atencion.tributaria@dacoruna.gal ou chamar ao número de teléfono gratuíto 900 132 204.

Martes, 30 de marzo de 2021
Jose Miñones e a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, co Deputado de Economía da Deputación, Antonio Leira

Desde o inicio da pandemia motivada pola Covid-19 e ao longo de todo o ano 2020, desde o goberno de Ames, a través da Concellería de Economía e Facenda, puxéronse en marcha un Plan de Medidas Tributarias Covid-19 que incluían diversas actuacións en materia tributaria en colaboración coa Deputación da Coruña, como  foi a implementación de medidas de flexibilización dos fraccionamentos/aprazamentos de débedas, derrogación de ordenazas que afectaban a sectores moi castigados pola crise, ampliación de períodos de pago de impostos e taxas públicos e posta en marcha do Calendario Fiscal.

Luns, 22 de marzo de 2021
A Deputación colabora con Ames en materia tributaria asumindo a inspección do IAE

O alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, asinaron esta mañá un convenio a través do cal o ente provincial asume todas as funcións e atribucións necesarias para levar a cabo o exercicio de inspección do imposto sobre actividades económicas e nos procedementos sancionadores que deriven destas actuacións. No acto de sinatura de dito convenio tamén participou a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero.

Mércores, 03 de marzo de 2021
Imaxe da presentación do orzamento de 2021

Esta mañá o Goberno municipal presentou o novo orzamento para o exercicio 2021, que ascende á cifra de 29.888.000 euros, incrementando en 2.518.000 euros (9,20%) respecto do presuposto de 2020. Trátase do maior orzamento municipal que presentou o Concello de Ames. Recolle un forte compromiso en servizos básicos cunha partida para o novo contrato de limpeza viaria; e un incremento de crédito para as áreas de educación e servizos sociais, así como unha forte aposta polo investimento público. Este venres, 5 de marzo, celebrarase a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas. O obxectivo é debater a aprobación de dito orzamento nun pleno extraordinario o día 11 de marzo. É o quinto orzamento consecutivo que aprobará, se procede, a Corporación municipal do Concello de Ames dende abril de 2017. Preme nesta ligazón para consultar a presentación proxectada esta mañá sobre o orzamento de 2021.

Xoves, 21 de xaneiro de 2021
Reunión orzamentos  participativos

O pasado venres, 15 de xaneiro de 2021, ás 14:00 horas, celebrouse a Convocatoria Extraordinaria da Comisión Informativa Permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas co único punto de “Exame e informe da Conta Xeral 2019” , na que se ditaminou favorablemente a Conta Xeral 2019. A Conta Xeral do 2019, xunto co Informe da Comisión Especial de Contas, será exposta ao público por un prazo de 15+8 días hábiles durante os cales se poderán presentar reclamacións, reparos ou observacións. Logo someterase a aprobación do Pleno da Corporación municipal para a súa aprobación e renderase ante o Consello de Contas. Dentro da Conta Xeral a liquidación orzamentaria é a parte máis importante e na que ser reflicten a execución do orzamento de gastos, ingresos e o resultado orzamentario, así como outras magnitudes coma o remanente de tesourería e superávit.