Pestanas principais

O Goberno municipal presenta o quinto orzamento consecutivo que se achega aos 30 millóns de euros

Mércores, 03 de marzo de 2021

Esta mañá o Goberno municipal presentou o novo orzamento para o exercicio 2021, que ascende á cifra de 29.888.000 euros, incrementando en 2.518.000 euros (9,20%) respecto do presuposto de 2020. Trátase do maior orzamento municipal que presentou o Concello de Ames. Recolle un forte compromiso en servizos básicos cunha partida para o novo contrato de limpeza viaria; e un incremento de crédito para as áreas de educación e servizos sociais, así como unha forte aposta polo investimento público. Este venres, 5 de marzo, celebrarase a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas. O obxectivo é debater a aprobación de dito orzamento nun pleno extraordinario o día 11 de marzo. É o quinto orzamento consecutivo que aprobará, se procede, a Corporación municipal do Concello de Ames dende abril de 2017. Preme nesta ligazón para consultar a presentación proxectada esta mañá sobre o orzamento de 2021.

Esta mañá o Goberno municipal presentou no salón de plenos da Casa do Concello as liñas principais do orzamento de 2021. Interviron o alcalde de Ames, Jose Miñones, a concelleira de Economía e Facenda, voceira de Contigo Podemos e terceira tenente da Alcaldía, Genma Otero, o voceiro do BNG e primeiro tenente da Alcaldía, David Santomil, e o voceiro do PSdeG e segundo tenente da Alcaldía, Blas García.

As principais áreas de gasto son servizos básicos (benestar comunitario) con 6.798.632,18 euros (22,75%); educación e conciliación con 5.565.436,51 euros (18,62%); servizos sociais con 2.595.160,44 euros (8,68%); urbanismo con 2.520.425,44 euros (8,43%); e administración xeral con 2.014.715,17 euros (6,74%). Estas cinco áreas supoñen o 65,22% do orzamento, amosando o forte compromiso polos servizos públicos. A sexta área en importancia dentro do orzamento é a de cultura e mocidade cunha partida de 1.438.918,36 euros (4,81%), seguida da área de seguridade e mobilidade con 1.348.412,80 euros (4,51%). De seguido, están as áreas de política económica e fiscal con 1.311.186,78 euros (4,39%) e maila área  de deportes cunha partida de 1.197.481,97 euros (4,01%).      

Dende finais de 2020 o Goberno municipal mantivo diferentes contactos cos diferentes grupos políticos da oposición e deu un prazo para achegar propostas co obxectivo de tratar de chegar a acordos, para a aprobación do Orzamentos municipal de 2021 do Concello de Ames. O goberno municipal tamén negociou en Mesa Xeral de Negociación, cos representantes sindicais do persoal municipal, o crédito asignado ao Capítulo I de persoal. Este punto foi aprobado por maioría en Mesa Xeral de Negociación.

Unha vez rematado este proceso de negociación, convocouse a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas para este venres, 5 de marzo, ás 14:00 horas. O obxectivo é debater a aprobación de dito orzamento nun pleno extraordinario o día 11 de marzo. Tratase do quinto orzamento consecutivo que aprobará, se procede, a Corporación municipal do Concello de Ames dende o ano 2017. En abril de 2017 aprobouse un novo orzamento municipal, despois de que o presuposto de 2012 estivese prorrogado ata ese momento. Posteriormente, houbo novos orzamentos en abril de 2018, marzo de 2019 e febreiro de 2020.

Intervencións dos membros do Goberno municipal
O alcalde de Ames, Jose Miñones, destacou “a ledicia que tiñamos no ano 2017 cando presentamos o primeiro orzamento deste grupo de goberno. Dende aquela xa é o quinto orzamento que se presenta. Parece que isto xa está normalizado e benvida sexa esta normalización de presentación das contas municipais, porque é imprescindible e de obrigado cumprimento dispoñer dun orzamento actualizado, se queremos xestionar un orzamento dun concello como é Ames, que medra en poboación, en investimento, no eido social, en gasto corrente, etc. Este ano era fundamental contar cun novo orzamento para poder desenvolver o Plan de reactivación social que estamos executando. Hai que destacar que dos 30 millóns de euros que consta este orzamento, 20 millóns están dirixidos a gasto corrente, porque somos un concello prestador de servizos e a novos investimentos. Tamén hai que destacar a gran captación de fondos que se fixo. Dos 6 millóns de euros que se dedican a investimentos, o 50% son fondos europeos. 1,8 millóns de euros son da EDUSI Impulsa Ames e outros 1,3 millóns son do IDAE. Isto implica xestión por parte do Concello para conseguir ditos fondos FEDER”.

A concelleira de Economía e Facenda, voceira de Contigo Podemos e terceira tenente da Alcaldía, Genma Otero, pasou a expoñer detalladamente as partidas do Orzamento Municipal do 2021 e explicou que “estamos ante un orzamento que medra ano tras ano, ata acadar agora a cifra de 29.888.000 euros, cunha subida de 2.518.000 euros respecto ao orzamento de 2020, representando o maior incremento orzamentario dos últimos anos cunha porcentaxe do 9,20%. É o quinto orzamento consecutivo do Concello de Ames. Trátase dun logro importante xa que non houbo antes un Goberno municipal que aprobase cinco orzamentos de forma consecutiva. Este presuposto apuntala, reforza e blinda os servizos que se consideran máis importantes, son todos importantes, pero na actualidade debido ás circunstancias que nos está tocando vivir coa crise económica e sanitaria é imprescindible blindar as áreas de servizos básicos; educación e conciliación; e servizos sociais. As partidas destinadas a estas tres áreas representan o 50% do orzamento de 2021. Ao mesmo tempo é o momento de realizar unha forte inversión de fondos públicos, cuns orzamentos que apostan polo investimento público e reforzo e ampliación dos servizos”.

O voceiro do BNG e primeiro tenente da Alcaldía, David Santomil, incidiu “na aposta clara en prestar servizos públicos de calidade e que fai de Ames un concello moi atrac tivo para vivir e para traballar. Os programas de educación/conciliación e de servizos sociais, xunto a moitos outros, son fundamentais para mellorar a calidade de vida da veciñanza. Niso estamos a traballar nos últimos anos. Este quinto orzamento que presentamos demostra a estabilidade deste goberno municipal e maila capacidade de xestión para adaptar as contas municipais a situación actual, algo fundamental para unha mellor administración dos recursos de todos os veciños e veciñas de Ames. Por último, quero apelar á colaboración institucional para avanzar no eido educativo e noutros ámbitos da xestión municipal”.

O voceiro do PSdeG e segundo tenente da Alcaldía, Blas García, tamén destacou a estabilidade deste Goberno municipal que foi capaz de presentar cinco orzamentos de forma consecutiva. “Seguimos apostado polos/as cidadáns de Ames. Isto demóstrase coa forte aposta que se fai polos programas de educación/conciliación e servizos sociais, cun investimento aproximado de 250 euros por habitante a través desta dúas áreas. Quero tamén destacar que mentres que o Goberno do Estado e maila Deputación provincial da Coruña incrementaron as achegas ás entidades locais, a Xunta de Galicia non aumentou ditas achegas e ademais non deixa de incrementar os gastos aos que teñen que facer fronte os Concellos e que non son competencia das entidades locais. Isto nun futuro próximo terá que ser un tema a tratar entre as entidades locais e a Xunta de Galicia porque non podemos seguir así”.

Principais áreas de gasto
O Orzamento de 2021 recolle un importante reforzo da área de servizos básicos (benestar comunitario). Esta área contará cun crédito total de 6.798.000 euros, incrementando en 1.243.000 euros, nun 22,38%, o crédito asignado respecto do Orzamento de 2020. esta segue sendo a primeira área en importancia dentro do total do Orzamento Municipal representando un 22,75%. Dentro de dita área recóllense partidas para novas actuacións e investimentos en alcantarillado; abastecemento; para o novo contrato de limpeza viaria con ampliacións de zonas e frecuencias; para a recollida e tratamento de residuos; para o plan de limpeza no rural; e para a mellora da eficiencia enerxética na iluminación do rural do concello de Ames.

Ademais, increméntase o crédito na área de educación, que contará cunha partida de  5.565.000 euros, incrementando en 748.000 euros (15,53%) respecto do ano 2020. A área de educación segue a ser a segunda en importancia no tocante ao crédito dentro do orzamento cun 18,62% de porcentaxe respecto do total do orzamento 2021. Dentro de dita área recóllense actuacións de ampliación, mellora e reforzo dos servizos de conciliación e incremento do crédito asociado ao servizo de comedores, que xa acada os 1.119.000 euros, un novo plan de mantemento de centros cun crédito de 85.000 euros e outras actuacións de reforzo.

A terceira área en importancia dentro do Orzamento de 2021 é a de servizos sociais, que representa un 8,68% do total. Deste xeito, apóstase pola blindaxe da área social cun crédito asignado de 2.595.000 euros (8,68%). Increméntase o crédito en 360.000 euros (16,10%) respecto do Orzamento de 2020. Dentro de dita área increméntase con 230.000 euros a Renda social municipal e axudas de emerxencia. Ademais, amplíase en 11.119 horas máis ao ano a prestación do programa de Axuda no Fogar, ampliando o crédito para dito servizo en 193.000 euros. Tamén se amplía o crédito para reforzar os diferentes programas de servizos sociais: Amessán, Sanauga, transporte adaptado, actividades para os maiores, etc. Cómpre destacar que se vai habilitar unha partida de 94.113,67 euros para a rehabilitación dun edificio público como vivenda social. Esta actuación enmárcase dentro da EDUSI Impulsa Ames.

A concelleira de Economía e Facendo, Genma Otero, destaca que se trata dun orzamento sustentable, equilibrado e participativo, que recolle o crédito de 200.000 euros dos Orzamentos Participativos para a realización das actividades e investimentos que foron escollidos dentro do proceso de OP 2020, e que son as melloras no anfiteatro de Milladoiro, mellora da seguridade viaria no rural, sinalización das rutas de sendeirismo, festival feminista de arte urbana no rural, curso para o uso das novas tecnoloxías e obradoiros de sexualidade para a mocidade.

Orzamento que reforza o emprego público
Por outra banda, trátase dun orzamento que segundo o Goberno municipal apuntala e reforza o emprego público, acadando o crédito asignado ao Capítulo I, de Persoal, a cifra de 9.331.000 euros, representando o 31,22% do orzamento municipal, incrementando a cifra en 455.000 euros (5,12%) respecto do anterior presuposto.

Ademais, refórzanse a contratación en áreas básicas como son a área Económica, coa contratación dun adxunto/a de intervención; a área de Promoción Económica coa contratación dunha auxiliar e unha administrativa de apoio para a tramitación das axudas e subvencións asociadas ao Plan de Reactivación e ao PEL Reactiva; e maila área de Servizos Sociais coa contratación de un/unha auxiliar administrativo/a e dous/dúas asistentes/as sociais para reforzo do departamento e tramitación das axudas sociais. Inclúese nesta área 15.000 euros para desenvolver un Plan de formación, e 30.000 euros para as adecuacións retributivas da segunda fase de negociación da RPT.

Forte inxección de fondos públicos en investimentos
O Goberno municipal tamén destaca que se vai facer unha forte inxección de fondos públicos en investimentos (Capítulo VI) que conta cun crédito de 6.164.000 euros, a maior cifra de investimentos dos últimos 10 anos, incrementando en 1.050.000 euros nun 20,54% respecto do exercicio 2020. Nestas partida de investimentos inclúense importantes actuacións previstas na EDUSI Impulsa Ames por importe de 1.802.000 euros en diferentes áreas: Urbanismo con 839.000 euros para a creación da améndoa central en Bertamiráns; Servizos sociais co deseño e implantación dun programa de inserción de colectivos e a rehabilitación dun edificio público como vivenda social con 94.000 euros; e Transporte urbano coa posta en marcha dun transporte municipal sostible cun crédito de preto de 650.000 euros.

Inclúese tamén os investimentos incluídos no POS+2021, por importe de 1.168.000 euros, no que se inclúen varias obras nas áreas de Vías públicas, Deportes, Estradas, Camiños veciñais e Cultura.

Tamén cómpre destacar fortes investimentos na área de pavimentación e vías públicas; melloras en accesibilidade; cambio de todo o alumeado público do rural cun investimento neste ano de 1.156.000 euros; dotación de mobiliario para o Coworking “A Proa”; reforma do Centro de formación ocupacional; ampliación de instalacións deportivas no pavillón de Bertamiráns, cun crédito de 215.000 euros; e outras instalacións deportivas; obras en camiños veciñais; actuacións tamén na área de Administración Xeral (dixitalización do arquivo do departamento de Urbanismo) e patrimonio municipal, con obras de acondicionamento e reforzo de locais; e actualización do inventario municipal.

Por último, hai que salientar o reforzo, mellora e ampliación dos servizos nas distintas áreas cunha dotación no Capítulo II, que acada os 12.840.000 euros, representando un 42,96% do total do orzamento municipal, incrementando en 817.900€ (6,80%) respecto do orzamento 2020.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames tendrá este año 29,8 millones de presupuesto"

El Correo Gallego: "Ames xa ten debuxados os seus orzamentos, de trinta millóns de euros"

Imaxe da presentación do orzamento de 2021

Multimedia

  • Embedded thumbnail for