Actualidade

Ex., 13-06-2024
Ex., 13-06-2024
Sábado, 11 de maio de 2024
Exposicións, charlas, obradoiros e degustacións na II Feira do Pan e do Cereal

O campo da festa de Bugallido acolleu este sábado, 11 de maio, a segunda edición da Feira do Pan e do Cereal, para poñer en valor un produto esencial na gastronomía, na tradición e na cultura galega, a través de exposicións, charlas, obradoiros e degustacións. A través desta feira búscase animar ás persoas do rural a recuperar o cultivo das terras agrarias con cereais autóctonos como o trigo, centeo ou a cebada; cultivos que noutros momentos quedaron relegados e que agora teñen unha grande oportunidade de triunfar da man da recuperación e valoración do pan tradicional. As charlas e os obradoiros foron de balde e con entrada libre ata completar aforo. Houbo unha gran afluencia de público durante toda a xornada. Os obradoiros e mesas redondas tamén rexistraron unha boa participación.

Sábado, 11 de maio de 2024
Participa na andaina saudable que percorre a sexta etapa do Camiño de Santiago dende o Barbanza

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa municipal de Andainas Saudables, organiza un percorrido pola sexta etapa do Camiño de Santiago dende o Barbanza, “A orixe”. A ruta realizarase o vindeiro sábado, 18 de maio. Os participantes camiñarán arredor de 15 quilómetros, partindo desde a igrexa de San Vicente de Cespón e chegando ata a igrexa de Santa María de Leiro, situada en Rianxo. Os interesados en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, día 15. Haberá servizo de autobuses con saída dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:00 horas; e dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:15 horas.

Venres, 10 de maio de 2024
Aberto o prazo de solicitude de axudas para a promoción de actividades organizadas polas ANPAS durante o exercicio 2024

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou o pasado 2 de maio de 2024 as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades realizadas polas ANPAS dos centros educativos amesáns ao longo do exercicio 2024. A contía máxima desta liña de axudas ascende a 20.000 euros. As solicitudes para participar nesta convocatoria poderán presentarse ata o 10 de xuño. O importe individual das subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria non poderá superar o 80% do proxecto subvencionable nin o límite máximo establecido segundo a categoría que corresponda ao centro ao que pertence a ANPA. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases desta liña de axudas.

Venres, 10 de maio de 2024
A Oficina de Software Libre organiza un obradoiro avanzado de LibreOffice

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames, organiza un obradoiro avanzado de LibreOffice. Esta actividade impartirase o sábado, 11 de maio, en horario de 11:00 a 13:00 horas. Trátase dunha actividade impartida por persoal da Oficina de Software Libre de Ames dentro das súas actividades de divulgación das novas tecnoloxías en Software Libre. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.

Venres, 10 de maio de 2024
O club Ames Xadrez consegue tres medallas no torneo provincial por equipos infantís

Un total de doce nenos e nenas do club Ames Xadrez participaron no torneo provincial por equipos infantís celebrado o pasado sábado en Santiago de Compostela. Os rapaces puideron gozar dunha xornada na que compartiron experiencias e divertimento con outros xogadores, intercambiando ademais os seus coñecementos. Os equipos de sub10 e sub 12 conseguiron o ouro, e o equipo sub14 a prata.

Xoves, 09 de maio de 2024
A Coral Polifónica de Bugallido participa este sábado no Encontro de Coros da cidade portuguesa de Maia

Este sábado, 11 de maio, a Coral Polifónica de Bugallido desprazarase ata a localidade portuguesa de Maia, preto de Porto, para participar nun concerto de agrupacións corais organizado polo Conservatorio de Música desa cidade.

Xoves, 09 de maio de 2024
Aberta ata o 28 de maio a inscrición nos campamentos deportivos de verán da Deputación da Coruña

A Concellaría de Deportes informa de que xa está aberto o prazo para inscribirse nos campamentos deportivos de verán que cada ano organiza a Deputación da Coruña. Neste senso, Ames contará con 14 prazas na terceira quenda dos campamentos, que terán lugar do 7 ao 12 de xullo no IES Rosalía Mera, na Coruña. As persoas interesadas na actividade, dirixida á rapazada de entre 9 e 14 anos xa cumpridos empadroada en Ames, deben entregar esta ficha de inscrición cumprimentada e asinada nalgún dos rexistros municipais do Concello de Ames, ou ben a través da Sede electrónica ata o 28 de maio.

Mércores, 08 de maio de 2024
Preséntase a primeira edición do concurso Baila con Ames

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de presentar esta mañá a primeira edición do concurso Baila con Ames. Trátase dunha nova iniciativa que se suma ao concurso Canta con Ames que este verán celebrará xa a súa cuarta edición. Para inscribirse no Baila con Ames hai que presentar no rexistro municipal o impreso de inscrición. Tamén hai que enviar un vídeo casting ao enderezo de correo electrónico amesnarua@gmail.com. O prazo de inscrición estará aberto dende o día seguinte da publicación das bases do concurso no BOP e ata o 10 de xuño. Establécense dúas categorías: individual ou parellas; e grupos de 3 a 12 persoas. Non hai límite de idade para participar. Repartiranse 2.500 euros en premios. Haberá unha fase de preselección no Milladoiro o 21 de xuño e a final farase en Bertamiráns o 31 de agosto na pista de deportes da praza de Chavián. O cartel foi elaborado pola veciña de Ames, Mireya Vilas Vilacoba, de 9 anos de idade.

Mércores, 08 de maio de 2024
Imaxe da segunda edición dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas (imaxe de Miguel Lama)

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu onte a segunda edición dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas. O evento foi organizado por Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas en colaboración co Concello de Ames e e coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Con esta actividade, a entidade brindou recoñecemento sectorial a profesionais, entidades, instalacións, publicacións e persoal técnico vencellados ás artes escénicas de Galicia. As fotos da gala foron realizadas por Miguel Lamas. Pódese acceder á galería do evento nesta ligazón.

Mércores, 08 de maio de 2024
Aberto o prazo para solicitar as axudas de promoción de actividades levadas a cabo por clubs e asociacións deportivas

O Concello de Ames informa sobre a convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo no exercicio 2023 polos clubs e asociacións deportivas de Ames. A contía destinada a esta convocatoria ascende nesta anualidade aos 80.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que tivo lugar o pasado 4 de maio; polo que remata o 3 de xuño. Ao pé desta nova podes atopar as bases e os impresos de solicitude.