Pestanas principais

Programa anual da Aula da natureza

O Concello de Ames conta cunha Aula da Natureza que se encarga da xestión e desenvolvemento dun programa anual de educación para un desenvolvemento sostible que habilite ás persoas para tomar decisións fundamentadas e adoptar medidas responsables en favor da integridade do medio ambiente e a viabilidade da economía.

Cambio climático, redución do risco de desastres naturais, consumo responsable, produción sostibles ou o coñecemento das diferentes formas de vida son temas medioambientais prioritarios na programación anual da Aula da Natureza, pero tamén os son o respecto, a xustiza, a igualdade de xénero e a convivencia.

O programa de educación ambiental do Concello de Ames busca a aprendizaxe dun modo interactivo,aprendizaxe exploratorio, transformativo e orientado cara á acción. Un programa que pretende infundir nos/as veciños/as de todas as idades o desexo de actuar en favor da sostenibilidade.

Os principios básicos da Aula da Natureza son os referidos na convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, feita en Nova York o 9 de maio de 1992, o Acordo de París, adoptado o 12 de decembro de 2015, e a Resolución aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 25 de setembro de 2015 sobre Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

En 2015, o Concello de Ames iniciou un novo ciclo no programa programa de educación ambiental centrándose nos 17 obxectivos de Nacións Unidas e aumentando progresivamente o orzamento, de forma que se impulsa a toma de conciencia para adoptar as decisións necesarias co obxectivo de achegarnos ao desenvolvemento. sostible.

A Aula dá Natureza desenvolve anualmente un programa dirixido tanto ao público adulto coma infantil e xuvenil. Este programa ten como principal obxectivo achegar o coñecemento do medio, os recursos naturais e a problemática medioambiental a todos aos veciños dun xeito lúdico. Ao tempo estas actividades fomentan a convivencia, as relacións interxeracionais e a participación da veciñanza nos temas ambientais do municipio.

Así se proxecta un plan de educación medioambiental anual, repartido en tres trimestres deixando libre o de verán para adicarse aos campamentos. Neste programa organízanse actividade e obradoiros dirixidos a todas as idades e con temas diversos que recollen tanto aspectos de educación ambiental como coñecemento e achegamento á natureza.

Ao longo do ano desenvólvense programas como Variedade e Vida; Eu guísoo eu cómoo; ou Ciencia divertida. Ademais, realízanse acampadas, saídas de mergullo ou montaña, etc. Para as persoas adultas organízanse cursos de horta sostible, de cestaría, de perfumeira natural... Tamén hai actividades para todos os públicos como as saídas ornitolóxicas ou a recollida de cogomelos.

  • Destinatario:
    • Todos os públicos.