Pestanas principais

Galegoempresas

Os concellos de Ames, Santiago, e Teo, a través dos seus departamentos de normalización lingüística, poñen ao dispor do sector empresarial unha plataforma de difusión dos establecementos localizados nesta contorna.

Trátase dunha plataforma web que lle dará maior visibilidade á oferta en galego no sector socioeconómico, con tres obxectivos concretos. O primeiro é facilitarlle ao público, que cada vez valora máis a atención e a publicidade na nosa propia lingua, o coñecemento e o acceso a esta oferta. O segundo, de cara ás empresas, é recompensar o seu esforzo cunha maior difusión. O terceiro, máis centrado nas institucións e organizacións, é dispor de datos sobre o uso da lingua de cara a mellorar as actuacións que se realizan con este fin.

As empresas incorpóranse á web cun procedemento sinxelo. Deben acceder á plataforma #galegoempresas e cubrir o formulario de autodiagnose. Unha vez que sexa validado, reciben unha mensaxe para que completen a información coa que se presentaren publicamente (logo, datos de contacto, descrición, imaxes, web, redes sociais). A partir dese momento, a súa ficha está dispoñible para o público cunha valoración da porcentaxe de uso do galego que ofrecen, desagregada por ámbitos.

Calquera persoa que consulte a páxina pode realizar buscas por localización xeográfica e por sector, ou atopar o establecemento do seu interese de maneira directa para ter todos os seus datos de contacto á man. Cando abra a ficha pode ver, ademais do detalle que esta facilite acerca dos seus produtos ou servizos, a valoración resultado da diagnose sobre o uso da lingua.

Ademais das fichas de empresas e da información necesaria para incorporarse, a web de #galegoempresas facilita o acceso a recursos lingüísticos en liña e complétase cun pequeno argumentario a prol do uso do galego neste ámbito e cun vídeo explicativo.

  • Destinatarios/as:  Empresas/negocios que usan a lingua galega na súa cominicación empresarial e/ou que ofrecen produtos ou servizos  en galego.
  • Documentos: