- Tematica
O Concello de Ames puxo en marcha a décima edición da campaña solidaria “Zocos e Trasnos”, impulsada pola Concellería de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado a través da Oficina de Voluntariado, co obxectivo de que ningún neno nin nena do municipio quede sen agasallo durante as festas de Nadal e Reis.
Nesta edición de 2026, a iniciativa contou coa participación de 94 persoas voluntarias, coñecidas como trasnos e trasnas, que fixeron posible que 88 nenos e nenas recibisen os seus agasallos. A entrega realizouse entre os días 2 e 5 de xaneiro, garantindo que todas as familias puidesen dispoñer deles a tempo para a celebración do Día de Reis.
O funcionamento da campaña mantén a súa esencia solidaria: os nenos e nenas, chamados zocos e zocas, escriben as súas cartas aos Reis Magos, que son recollidas de maneira anónima polos trasnos e trasnas, quen se encargan de mercar e entregar os agasallos solicitados. Como en edicións anteriores, os agasallos non poden ter carácter bélico nin sexista.
Desde o Concello de Ames, a concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Uxía García, destacou o éxito desta décima edición, resaltando o gran traballo do departamento técnico, así como o compromiso e a solidariedade das persoas voluntarias, que ano tras ano contribúen a consolidar esta campaña como unha das iniciativas sociais máis valoradas do municipio.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "La campaña Zocos e Trasnos de Ames llevó regalos a 88 niños y niñas"








