Pestanas principais

Yribarren e Otero e as irmás Barciela brillan no Campionato Galego Absoluto de pádel disputado en Ames

Mércores, 04 de novembro de 2015

[04-11-2015] A parella formada por Borja Yribarren e Pío Otero, en categoría masculina, e a composta por Sabela e Carla Barciela, en feminina, proclamáronse gañadores do Campionato Galego Absoluto de pádel que se desenvolveu nas instalacións de Let Pádel Ames no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido, esta última fin de semana. O campionato, que xa vai pola súa sétima edición, reuniu nos cadros finais a 24 parellas nas dúas categorías. O alcalde de Ames, José Miñones, participou da entrega de trofeos.

Na categoría masculina, Borja Yribarren e Pío Otero alzáronse coa vitoria nunha disputada final ante a parella formada por Boris Botikali e Antón Pastur. O resultado foi de 6-4, 6-7 e 6-3. Na categoría feminina, as irmás Barciela derrotaron a Silvia López e Paloma Lázaro por un claro 6-3 e 6-2. As finais desenvolvéronse na tarde do pasado domingo, 1 de novembro, logo de que as instalacións de Let Pádel Ames albergaran a fase previa e cadro final nas dúas últimas fins de semana.

Entrega de premios
Os vencedores repartíronse 6.000 euros en premios e, a maiores, a Federación Galega de Pádel outorgou unha bolsa de 1.200 euros para as xogadoras gañadoras, co obxectivo de fomentar a participación feminina na competición e incrementala nun futuro. Ademais, o público participou nun sorteo de agasallos que incluía dúas escapadas rústicas, dúas escapadas pintorescas e dúas palas Drop Shot. O alcalde de Ames, José Miñones, estivo presente na entrega de trofeos.