Pestanas principais

Youtubeiras chega á súa sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora en galego na Rede

Mércores, 01 de xuño de 2022

Os premios, cuxas bases xa están publicadas en www.youtubeiras.gal, repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. O prazo de inscrición abrirase o 27 de setembro e finalizará o 15 de novembro. Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de once concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, chega neste 2022 á súa sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora. Para acadar esta meta, recuperarase a presencialidade no encontro creativo e nas xornadas en centros educativos ao tempo que se reestruturarán as categorías dos Premios Youtubeiras.

“Nos últimos cinco anos, o Proxecto Youtubeiras impulsou unha comunidade creadora na Rede en galego que non deixou de medrar ao abeiro dunha iniciativa que é xa unha realidade consolidada grazas ao compromiso de todas as institucións participantes, que amosan unha implicación inequívoca co idioma, coas novas linguaxes dixitais e cos novos camiños que se abren para a nosa lingua”, sinalou Socorro García Conde, como representante do proxecto Youtubeiras, nunha rolda de prensa celebrada hoxe en Santiago de Compostela, e na que tamén participaron María López, Concelleira de Lingua e Mocidade do Concello de Teo, e Gumersindo Feijoo Costa, Vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela.

“En cada edición o noso propósito é visibilizar e achegarlle ao proxecto as novas caras que están presentes nas redes. Desta volta, procuramos sumar persoas de todas as idades que poidan facer vídeos con habelencias concretas en ámbitos de todo tipo, que compartan vídeotitoriais para resolver problemas do día a día”, sinalou García Conde, antes de engadir que “é un perfil que se quere incorporar á comunidade youtubeira para que compartan os seus coñecementos e manteñan canles desta natureza”. Ese tipo de perfil que se pretende impulsar nesta edición incorporarase a unha iniciativa novidosa que se levará a cabo dende a organización: un catálogo de youtubeiras e youtubeiros. Tratararase dun grande escaparate dixital que terá como obxectivos favorecer a visibilidade a través da web (www.youtubeiras.gal) e das redes sociais do proxecto, co fin de propiciar unha comunidade máis consolidada e ofrecerlle ao público un lugar de referencia na búsqueda de contigo dixital en galego.

Para rede, a nosa

Pola súa banda, María López encargouse de desvelar o lema para esta sexta edición: Para rede, a nosa. “Con este lema, forte e enérxico, simbolízase a seguridade e máis o orgullo de termos unha rede de creadoras e creadores que xeran contidos en Youtube, mais tamén noutras plataformas: Twitter, Facebook, Instagram, TikTok ou Twitch. Así está a medrar a presenza da nosa lingua nos novos formatos, conectando con novas xeracións e chegando a outros espazos imprescindibles para o futuro”, sinalou López, quen tamén destacou que Youtubeiras actúa como un “elemento normalizador da nosa fala” e de “divulgación da nosa cultura”.

Para fomentar e fortalecer o sentimento de comunidade, tras os dous últimos anos de pandemia, Youtubeiras recuperará a presencialidade nalgunhas das súas actividades de convivencia, intercambio e formación. Adiantouno así Gumersindo Feijoo Costa, Vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, quen sinalou que a primeira delas será o encontro creativo: a Megacolab, dinamizado por Gingko. Trátase dunha xornada de creación colectiva entre youtubeiros/as. Celebrarase o sábado 18 de xuño en horario de 11 a 14 h e de 16 a 19 h no Espazo Apego, en Santiago de Compostela. Para asistiren, as persoas interesadas deben inscribirse antes do 16 de xuño a través da páxina web de Youtubeiras, xa que as prazas son limitadas.

A seguinte das actividades terá lugar o 21 de setembro ao vivo na canle de Youtube do proxecto. Será unha conversa en liña titulada Unicornios e linguas non hexemónicas na Rede, coa participación das canles Canal Malaia (Catalunya), PlayPresta (Asturies), Iruñe @ARKKUSO (País Vasco) e Youtube en galego. Xa en decembro, celebrarase un obradoiro formativo impartido pola asesora fiscal Paloma López Retorta, de Cifras Asesoría. Neste obradoiro, analizaranse claves de facturación, declaracións fiscais, o traballo por conta propia e as fórmulas de declaración dos ingresos acadados en Youtube.

Reestruturación dos Premios Youtubeiras

Na rolda de prensa anunciouse ademais a publicación das bases dos VI Premios Youtubeiras -que xa se poden consultar na páxina web www.youtubeiras.gal, que inclúe dúas grandes novidades neste 2022. A primeira é que se permitirán a participación de canles cun único vídeo publicado, a diferenza da edición do ano pasado que limitaba a concorrencia a quen tivese como mínimo cinco vídeos. Os vídeos han estar publicados a partir do 22 de outubro do 2021.

Os Premios reestruturan, ademais, as súas categorías. Contarase cun total de oito apartados: youtubeira/o, canle, vídeo, youtubeira/o revelación, premio á calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público. As persoas gañadoras dos sete primeiros recibirán 1.000 euros, mentres que no último caso a dotación económica ascenderá aos 500 euros. Así, os Premios Youtubeiras repartirán un total de 7.500 euros. O prazo de inscrición para competir no concurso abrirá o 27 de setembro e finalizará o 25 de novembro.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Nova edición de Youtubeiras para fomentar creación en galego na rede"

El Correo Gallego: "Youtubeiras celebra nova edición e busca ampliar a comunidade creadora"

Enfoques: "Youtubeiras llega a su sexta edición con el objetivo de aumentar el número de creadores"

Youtubeiras chega á súa sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora en galego na Rede

Multimedia

  • Youtubeiras chega á súa sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora en galego na Rede
  • Youtubeiras chega á súa sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora en galego na Rede