Pestanas principais

A XV edición do Festival de Maxia de Ames comeza o xoves cunha Gala Galega

Martes, 20 de outubro de 2020

O departamento de Cultura ultima estes días os preparativos da XV edición do Festival de Maxia que se desenvolverá nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro desde o 22 até o 25 de outubro. Este ano celebraranse oito galas e dous obradoiros. Por mor da COVID19 a presenza do público en sala será menor e non se poderán celebrar talleres nos colexios. Porén, a a Gala Máxica Internacional do último día retransmitirase a través da rede, o cadro de artistas convidados é de luxo e propoñense por primeira vez unha gala enteiramente galega e unha gala da hipnose. A demanda de prazas para o obradoiro de Milladoiro provocou que se programase unha segunda quenda para a que aínda quedan algunhas prazas libres. A inscrición está dispoñible no enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal. Tamén quedan algunhas entradas para as galas, agás para a que se celebrará ás 17:00 horas do domingo en Milladoiro, cuxo aforo xa está completo. As entradas poden adquirirse na billeteira municipal.

“Neste momento difícil a xente necesitamos máis maxia e máis ilusión que nunca”. Deste xeito manifestouse o mago e produtor Dani Polo na presentación da XV edición do Festival de Maxia de Ames que organiza a súa produtora xunto co Concello de Ames. A concelleira de Cultura, Natividade González que o acompañaba no acto, ratificou as súas palabras anunciando que malia non poder facer este ano actividades nos coles, programasen máis galas e a retransmisión da última por streaming da última delas, o que facilitará que se multiplique o público potencial do evento.

Este ano celebraranse oito galas e dous obradoiros. O Festival congregará unha vez máis a importantes figuras da maxia galega como Mago Teto, Mago Paco, Mago Rafa, Joshua Kennet e o propio Dani Polo. Ademais dareanse a coñecer profesionais internacionais da talle do hipnotista Jeff Toussaint, o premiadísimo Maxime Minerve, Dania Diez, cuxos espectáculos foron elixidos para formar parte dun especial dos mellores números do mundo que pasaron polo America´s Got Talent, e Miguel Múñoz, o actual campión do mundo de maxia e protagonista de “Dumbo”, a última película de Tim Burton.

Programa
A programación do XV Festival de Maxia comeza o xoves, 22, na Casa da Cultura de Bertamiráns cunha novidade: a “Gala Máxica Galega” que contará coa presenza de Mago Paco, Mago Rafa, Joshua Kenneth e Mago Teto. Todos estes profesionais da maxia galega son asiduos deste Festival e moi coñecidos e queridos pola rapazada amesá que acode cada ano tamén aos obradoiros de maxia que imparten. Presentará a gala, Dani Polo, productor do evento, que aproveitará a circunstancia para estrear un novo número. Realizaranse dúas sesións, unha ás 17:00 e outra ás 19:30 horas. A Gala está dirixida a todos os públicos.

O venres 23, tamén en Bertamiráns, tamén na Casa da Cultura de Bertamiráns, terá lugar a Gala Infantil na que o Mago Paco presentará o seu espectáculo: “Hocus Pocus”. A función comezará ás 17:00 horas e e está dirixido a público familiar a partir de 3 anos.
O mesmo día, 23, e no mesmo espazo, na Casa da Cultura de Bertamiráns, terá lugar unha das novidades do Festival: A Gala de hipnose. O evento correrá a cargo de Jeff Toussaint e o seu espectáculo: “O Hipnotista”. A función está recomendada para maiores de 1 anos.

A Gala Máxica Internacional ofrecerá en Ames dúas funcións, unha en Bertamiráns, o sábado 24, e outra en Milladoiro o domingo 25. Actuarán Dani Polo, Manolo Costa e Mindanguillo, Maxime Minerbe, Dania Díaz e Miguel Muñoz. En cada unha das funcións faranse dúas sesións, unha as 17:00 horas e outra ás 20:00. Esta Gala está aberta tamén a todos os públicos. Está prevista, desde o Milladoiro, se retransmita en striming esta gala.

Obradoiros
O Festival de Maxia continúa co seu obxectivo de achegar á maxia á rapazada, tamén a través da formación e a aprendizaxe. Mago Paco e Joshua Kenneth van ser os encargados este ano de impartir os obradoiros que se desenvolverán o sábado, 24 de outubro a partir das 11:30 na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo, 25 de outubro, tamén ás 11:30, na Casa de Cultura de Milladoiro. Poden participar rapaces e rapazas de entre 8 e 14. A demanda de prazas para o obradoiro de Milladoiro provocou que se programase unha segunda quenda para a que aínda quedan algunhas prazas libres. A inscrición está dispoñible no enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames recibe a once de los más famosos ilusionistas"

Cartaz do Festival