- Tematica
A Asociación Xuntanza de Empresarios presentou este luns, 1 de xuño, no parque do Ameneiral, a súa nova campaña de concienciación social baixo o lema Éche un falar miudiño. Respecta os teus veciñ@s. Charla baixiño, unha iniciativa destinada a promover o respecto aos niveis de ruído permitidos e a reforzar a convivencia entre a actividade hostaleira, a veciñanza e as persoas usuarias dos establecementos. A iniciativa busca implicar á hostalaría, á veciñanza e ás persoas consumidoras na promoción dun ocio respectuoso e compatible coa convivencia.
No acto participaron o presidente da asociación, Ramón Cordido, a xerente Bea López, Jorge López membro da directiva de XEA, así como representantes do sector hostaleiro: Benjamín Seoane de O Transistor, Ramón Raña de O mesón Denoe, Germán Mariño de Vaca Vella, Manuel Rey de Onde Keiras e Budi de Don Budi.
A campaña nace coa vontade de sensibilizar sobre a importancia de manter comportamentos responsables, especialmente nas terrazas, nas entradas dos locais e nos espazos exteriores vinculados á actividade hostaleira, contribuíndo así a minimizar as molestias derivadas do ruído e favorecendo unha convivencia equilibrada entre a actividade económica e o dereito ao descanso da veciñanza.
Os representantes da asociación destacaron que esta iniciativa está enfocada principalmente nos espazos exteriores dos establecementos, xa que moitas das molestias relacionadas co ruído non proceden do interior dos locais, senón das conversas e concentracións de persoas nas terrazas e accesos aos negocios, especialmente durante as horas nocturnas. Por este motivo, a campaña fai un chamamento á responsabilidade individual da clientela para manter un ton de voz moderado e contribuír ao respecto polo descanso das persoas residentes.
Durante a presentación, os responsables da entidade subliñaron que a campaña non só pretende concienciar sobre o cumprimento da normativa vixente en materia de ruído, senón tamén promover unha actitude de corresponsabilidade entre todos os axentes implicados: empresarios, traballadores, clientes e veciñanza.
Un ambiente respectuoso e moderado beneficia a toda a veciñanza
Ademais, a iniciativa pon o foco nun aspecto cada vez máis relevante: a necesidade de que os espazos hostaleiros sexan tamén lugares seguros e confortables para aquelas persoas especialmente sensibles ao ruído. Neste sentido, a asociación quere transmitir que un ambiente respectuoso e moderado beneficia a toda a sociedade, facendo da hostalaría un espazo máis inclusivo, acolledor e accesible.
Ramón Cordido sinalou que “a hostalaría forma parte da vida social e económica das nosas vilas e cidades, pero tamén debe ser un exemplo de responsabilidade e respecto cara ás persoas que viven nas súas contornas” e destacou que a campaña quere “implicar tanto aos establecementos como á clientela nunha mensaxe positiva que favoreza a convivencia, a calidade de vida e o respecto mutuo”.
A través desta campaña distribuiranse materiais informativos e elementos visuais nos establecementos asociados, animando ás persoas consumidoras a manter conversas en ton moderado e a respectar o descanso veciñal, especialmente durante as horas nocturnas. O primeiro dos distintivos foi colocado no Onde Keiras, por Manuel Rey e Vanessa Amor no acto de presentación.
Éche un falar miudiño. Respecta os teus veciñ@s. Charla baixiño pretende converterse nun recordatorio sinxelo pero efectivo de que pequenos xestos, como baixar o ton de voz ao abandonar un local ou permanecer nunha terraza, poden marcar unha gran diferenza na convivencia diaria.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Charla baixiño: la campaña de los empresarios y hosteleros de Ames para conciliar ocio y descanso vecinal"









