Pestanas principais

A Xuntanza de Empresarios de Ames organiza a I Feira de san Xoán

Venres, 18 de xuño de 2021

Artesanía, danza e música son algunhas das actividades da I Feira de san Xoán. O evento, organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames en colaboración coa concellaría de Promoción Económica e que terá lugar os días 23 e 24 no parque Ameneiral, en Bertamiráns.

A Xuntanza de Empresarios de Ames vai ser a encargada de poñerlle música e cor a unhas das festas máis tradicionais de Galicia e, tamén, do Concello de Ames. Será a través da I Feira de san Xoán que se vai celebrar os días 23 e 24 de xuño.

O presidente da XEA, Jorge López, quere animar a toda a veciñanza a participar nesta I Feira de san Xoán. Lamenta, ademais, que non se poida celebrar a tradicional sardiñada pero confía en que para o ano que vén volvan as sardiñas e unha gran cacharela.

A feira vaise inaugurar o mércores 23 ás 17.00 horas. Tras a presentación, os asistentes poderán gozar da actuación do grupo tradicional Os Retranqueiros. A continuación poderán asistir a unha Master Class de Bj Trainers. E para rematar a primeira xornada da feira a música da Banda de Nash.

O xoves 24 a feira abrirá ás 11.00 horas. A primeira actividade chega da man de Danzaya, será ás 12:00 horas cunha clase de baile para todos e todas. Ás 12.45 horas o evento porá fin cunha sesión vermú a cargo do grupo Conexión Habana.

Unha chea de actividades que segundo a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, son moi importantes para fomentar e dinamizar o comercio local. Quere, tamén, animar aos veciños e visitantes a que visiten a I Feira de  san Xoán e apoien o comercio e a hostalaría local.

Ao longo dos dous días da feira os asistentes poderán conseguir unha experiencia dunha fin de semana nun hotel visitando os distintos establecementos de hostalaría de XEA.

Novas relacionadas:

Revista AmesGo: "A Xuntanza de Empresarios de Ames organiza a I Feira de san Xoán"

I Feira de san Xoán

Multimedia

  • I Feira de san Xoán