[01-06-2016] O goberno municipal pretende participar no programa de subvencións “Medida Leader Galicia 2014-2020”. Para iso convocouse unha xuntanza participativa, que está dirixida a autónomos, empresas, cooperativas, S.A.T., sociedades laborais, e asociacións de calquera tipo (empresarios, culturais, xuvenís, veciños, medioambientais, etc.), para este xoves, 2 de xuño, ás 20:30 horas, no salón de Plenos da Casa do Concello. A través deste proceso preténdese definir a estratexia en función das potencialidades e necesidades do Concello de Ames, en materia de desenvolvemento rural.
O Concello de Ames é parte integrante e impulsor do novo grupo de desenvolvemento rural (GDR-19) que aspira a percibir fondos da Unión Europea, para desenvolver nos próximos anos o programa europeo Leader. O enfoque Leader persegue unha aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan: desenvolvemento local participativo.
O elemento esencial da metodoloxía Leader é que se trata de procesos de abaixo cara arriba, é dicir, as estratexias ou programas específicos de desenvolvemento rural defínense no ámbito local do territorio, e as decisións sobre as liñas concretas de aplicación das axudas e mesmo dos proxectos que se financian, son tomadas nese mesmo ámbito por partenariados de axentes públicos e privados (na súa maioría privados por esixencia do programa).




