Pestanas principais

A Xunta renova os equipamentos informáticos da Aula CeMIT de Ames

Luns, 04 de decembro de 2023

O alcalde, Blas García, acompañou esta mañá ao delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor,  na visita que realizou ás instalacións da Aula CeMIT do concello de Ames, que está situada na Casa da Cultura de Bertamiráns,  e onde se renovaron os equipamentos informáticos. Concretamente, grazas ao apoio da Xunta adquiríronse 15 ordenadores Al lin One, 10 tablets, equipamento complementario e material innovador (2 impresoras 3D, 1 kit de robótica, 5 drons, 2 gafas virtuais e un kit de programación). En dita visita tamén participaron concelleiros/as do grupo de goberno e dos grupos municipais do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego. O rexedor municipal solicitou a colaboración da Xunta de Galicia para dispor dunha nova Aula CeMIT na localidade do Milladoiro.

Durante a visita púidose constatar o interese que este tipo de aulas e a formación que se imparte desperta entre a cidadanía e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, recordou que o Plan de reforma e ampliación da Rede que se está a levar a cabo facilita tanto unha formación máis adaptada ás novas demandas tecnolóxicas como unha actualización das tecnoloxías innovadoras nas aulas, con 1.300 novos dispositivos, entre impresoras 3D, kits de programación e drons.

O alcalde de Ames, Blas García, solicitou a colaboración da Xunta de Galicia para dispor dunha nova Aula CeMIT na localidade do Milladoiro. Dita solicitude responde a unha petición reiterada dos veciños e veciñas do Milladoiro e arredores, que reclaman que se ofreza no seu núcleo unha oferta semellante á de Bertamiráns, que xa conta cunha Aula CeMIT. O rexedor municipal explica que “Ames é un dos concellos con maior porcentaxe de poboación moza, senón tamén a que o crecemento de poboación fai necesario un servizo co que outros municipios con menor densidade de poboación xa contan”.   

Así mesmo, Gonzalo Trenor subliñou que no primeiro trimestre de 2024 completarase a renovación de todo o equipamento, coa substitución de máis de 1.300 ordenadores, ademais da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tabletas, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.

Con 94 aulas distribuídas por toda a Comunidade, máis de 113.000 usuarios rexistrados e 500.000 horas de formación planificadas desde a súa posta en marcha en 2011, o delegado da Xunta fixo fincapé no labor da rede CeMIT e a súa contribución a que Galicia crecese naqueles indicadores de dixitalización nos que tiña os niveis máis baixos, como o uso da internet nas franxas de idades máis elevadas.

Así, segundo os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información e da Modernización de Galicia, só entre 2021 e 2022, preto de 10.000 persoas maiores de 75 anos incorporáronse ao uso de internet. Un dato que se reflicte tamén nos máis de 5.400 fogares con residentes maiores de 74 anos, que contrataron internet no último ano.

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia está integrada por 74 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de "aula aberta", que posibilita o acceso libre e gratuíto dos usuarios da utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Trenor destaca en Ames que las aulas CeMIT contribuyen a crear una sociedad más inclusiva"

Imaxe da visita feita a Aula CeMIT de Ames

Multimedia

  • Imaxe da visita feita a Aula CeMIT de Ames