Pestanas principais

A Xunta Local de Seguridade confirma os bos datos de Ames sendo a taxa de criminalidade 4 puntos inferior á da provincia

Martes, 09 de abril de 2019

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, e mailo alcalde de Ames, José Miñones, presidiron esta mañá a Xunta Local de Seguridade, unha reunión na que se analizou a seguridade cidadá no municipio. No balance as cifras confirman un bo comportamento da seguridade no concello, sendo a taxa de criminalidade 4 puntos inferior á da provincia, case 2 puntos menor que a media Galega e 18 puntos menos que a de España, o que sitúa a Ames entre os concellos máis seguros de España. Ademais, esta mañá aprobouse a incorporación do Concello de Ames ao Sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero. En dita xuntanza tamén estiveron representantes da Guarda Civil e do Corpo Nacional de Policía adscrita á Xunta de Galicia, así como varios representantes municipais.

O balance de cifras feito esta mañá na Xunta Local de Seguridade confirman un bo comportamento da seguridade no concello amesán, sendo a taxa de criminalidade 4 puntos inferior á da provincia, case 2 puntos menor que a media Galega e 18 puntos menos que a de España, o que sitúa a Ames entre os concellos máis seguros de España.

Por outra banda, o número de delitos que foron esclarecidos no 2018, en comparación ao 2017, foi un 4% superior, e as infraccións penais aumentaron nun 7% froito do incremento dos delitos cibernéticos ou pola Internet que se rexistraron no 2018. Tendo en conta estes datos, o Concello de Ames e a Garda Civil acordaron realizar unha campaña informativa sobre o uso fraudulento das tarxetas a través da Internet, de cara a que a veciñanza tome as precaucións necesarias para evitar este tipo de estafas.

Os detidos por delitos no 2018 incrementouse nun 63% amosando o bo funcionamento dos corpos de seguridade, destacando as operacións realizadas pola Garda Civil en vivendas illadas e urbanizacións. A investigación tamén aumentou en torno ao 20%. Neste sentido a Comandancia da Garda Civil destacou que os delitos por roubos en vivendas é algo inferior ao de outros anos debido á detención no 2018 dunha das bandas que estivo operando en Galicia.

No caso de roubos en vehículos, a maioría dos delitos foron polo furto de móbiles que se atopaban no seu interior, e no caso de Ames o maior número de casos deuse no entorno da praia fluvial de Tapia. Os ladróns que cometeron cerca de medio centenar de roubos en diferentes concellos da comarca, foron detidos e atópanse actualmente en prisión, producíndose un descenso importante deste tipo de furtos.

Solicitude de máis axentes para o Cuartel do Milladoiro
O alcalde de Ames, José Miñones, volveu a incidir, ao igual que en todas as Xuntas Locais de Seguridade anteriores, na incorporación de novos axentes ao Cuartel da Garda Civil do Milladiro ata chegar aos 50 necesarios. Desde a Subdelegación do Goberno informouse que a cobertura da taxa de reposición en Galicia está próxima ao 94% fronte a valores moito mais baixos no resto do Estado. Ademais, a subdelegada do Goberno agradeceu a labor que están realizando os corpos de seguridade na vixilancia específica das urbanizacións e que está a dar un bo resultado.

Ademais, esta mañá aprobouse a incorporación do Concello de Ames ao Sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero, nos que a Policía Local levará o seguimento daqueles casos de risco baixo en coordinación coa Garda Civil e co persoal do Centro de Información á Muller de Ames (CIM). Tamén se aprobou que a Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, que foi constituída en Ames o pasado 4 de xaneiro de 2016, incorporará á Subdelegación do Goberno como participante xunto aos Centros de saúde, Corpos de seguridade, Xunta de Galicia, CIM e centros escolares.

Instalación da app Alertcops
A Garda Civil tamén informou sobre a app AlertCops. que permite un enlace directo cos axentes en diferentes supostos de roubos, atracos, vandalismo, pelexas, agresión sexual, violencia de xénero, acoso escolar ou perda. Recomendaron a súa difusión para que sexa instalada nos móbiles por parte da cidadanía e poder ter así unha conectividade directa que queda xeolocalizada, facilitando a labor dos axentes.

Esta xuntanza estivo presidida polo alcalde, José Miñones, e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo. Ademais, esta reunión contou coa asistencia da vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno en Galicia, Eva Vázquez; do coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina; do sarxento comandante accidental do posto da Garda Civil do Milladoiro, Moisés García; do inspector xefe do grupo de investigación da Unidade do Corpo Nacional de Policía, adscrita á Xunta de Galicia, Juan Manuel Balebona; da xefa do Servizo contra a violencia sobre a Muller, María Isabel Álvarez; do tenente xefe do Destacamento da Garda Civil de Tráfico de Santiago de Compostela, Manuel Julio Meléndez; do asesor da Subdelegación do Goberno na Coruña, Alfonso Luís Queijo; do inspector da Policía Local de Ames, José Antonio Rodríguez; da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e do concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García.

Ligazóns

A Xunta Local de Seguridade confirma os bos datos de Ames sendo a taxa de criminalidade 4 puntos inferior á da provincia