[05-08-2011] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este xoves pola mañá a Xunta Local de Seguridade co obxectivo de analizar a situación de seguridade cidadá no concello de Ames e a súa área de influencia. Nesta reunión realizouse un seguimento e unha avaliación da seguridade cidadá en Ames ante os problemas rexistrados nos últimos meses. Despois de analizar a actual situación os rexedores de Ames, Teo e Brión acordaron manter e incluso incrementar o nivel de coordinación que xa existe entre as forzas do Estado e a Policía local. O goberno amiense está moi sensibilizado e preocupado polo tema da seguridade, especialmente durante o período de vacacións polo que Santiago Amor fai un chamamento de colaboración á cidadanía para que poñan calquera sospeita en coñecemento das forzas de seguridade.
Preto de dúas horas foi o tempo que durou a Xunta local de seguridade. Os diferentes axentes que forman parte desta Xunta (Subdelegación do Goberno, Garda civil e Policía local) reuníronse no salón de plenos da Casa do Concello de Ames. Ao final da xuntanza, o alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañado dos alcaldes de Teo, Martiño Noriega, e de Brión, José Luís García, e do subdelegado do goberno en A Coruña, José Manuel Pose, compareceron ante os medios de comunicación para explicar o acordos adoptados na Xunta local de Seguridade.
Santiago Amor destacou a importancia da detención da banda que presuntamente nos últimos meses levantou unha grande alarma social nos municipios de Ames e Teo debido a vaga de roubos que afectou a numerosas vivendas destes municipios. "Hai que destacar a gran coordinación que están levando a cabo os corpos de seguridade do Estado e as policías locais de Ames, Teo e Brión, para traballar a prol da seguridade dos veciños/as. Dende os concellos temos que apoiar o traballo das forzas de seguridade para reducir o número de delitos. En materia de seguridade é importante que colaboremos todos. De seguro que se o facemos así a cidadanía decatarase de que se está traballando nunha dirección correcta", explicaba Santiago Amor. Os alcaldes de Teo e Brión tamén destacaron que se debe manter a coordinación entre os diferentes corpos de seguridade para reducir o nivel de delitos.
O subdelegado do goberno en A Coruña, José Manuel Pose, tamén incidiu na excelente coordinación que está habendo entre os corpos de seguridade do Estado e a Policía local. Ademais animou a toda a cidadanía para que "avisen de calquera acto sospeitoso que poidan ver" porque deste xeito podemos evitar que se produzan calquera tipo de delito. José Manuel Pose continuou dicindo que "esta é unha comarca segura. Gustaríanos ter un axente por cada habitante, pero isto non é posible".
En resposta a preguntas de xornalistas sobre o proxecto de colaboración entre Ames e Brión para a prestación conxunta dos servizos de Emerxencias e Protección Civil e Policía Local, os alcaldes de ambos os dous municipios comentaron que se vai deixar para máis adiante. Amor incidiu en que "se está traballando neste proxecto e noutros nos que Ames e Brión colaborarán, pero no que se refire ao da Policía local e de Emerxencias terá que ser un proxecto equilibrado para os dous municipios e o anterior proxecto non o era, polo tanto colaboración si, pero fusión polo momento non".
Actuacións da Policía local de Ames
En canto as actuacións da Policía local durante o último trimestre (maio, xuño e xullo) realizaron 115 actuacións, entre atestados e dilixencias por asistencia en accidentes de tráfico. Durante o mes de maio realizaron 44 atestados por furtos, atropelos e danos en vehículos, e 8 dilixencias por asistencia en accidentes de tráfico.
En xuño realizaron 19 atestados por danos en vehículos, probas de alcolemia positivas, danos en propiedades privadas e varios furtos, e 10 dilixencias con motivo de asistencia a accidentes de tráfico. No pasado mes de xullo, producíronse 25 atestados por intento de entrada en vivendas, danos en vehículos, varios furtos, roubo de material, resistencia á autoridade e 9 dilixencias por asistencia en accidentes de tráfico.Ademais realizaron diversos documentos e informes para diferentes departamentos municipais (servizos sociais, urbanismo, obras, oficinas xerais, dilixencias por obxectos perdidos, actas administrativas, etc).
Por outra banda, dende a Policía local de Ames intensificáronse os controis policiais en colaboración coa Garda Civil, para maior seguridade ante a posible inestabilidade na comarca por roubos en vivendas particulares. Así mesmo, continuase controlando as proximidades dos colexios, prestando especial atención ao consumo de estupefacientes e o absentismo escolar.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames, Teo y Brión reforzarán su colaboración en seguridad local"




