Pestanas principais

A Xunta desenvolverá o futuro parque empresarial de Portanxil-Pegariños situado en Ames

Martes, 28 de xullo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta vai desenvolver o futuro parque empresarial de Portanxil-Pegariños situado en Bertamiráns (Ames). Neste marco, a previsión da sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur) é iniciar a tramitación en setembro para licitar o Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (Peose) do polígono no último trimestre deste ano.

Lorenzana mantivo esta mañá en Santiago unha reunión de traballo co alcalde de Ames, Blas García, co obxectivo de abordar as necesidades de desenvolvemento de solo empresarial no municipio coruñés e máis en concreto, as posibilidades de crecemento do actual polígono industrial de Bertamiráns. 

Neste senso, a conselleira de Economía e Industria destacou o emprazamento privilexiado do futuro parque empresarial ao conectar esa zona coa estrada da Costa da Morte, a Autovía Santiago-Noia e a autoestrada AP-9. Pola súa banda, o rexedor amesán agradeceulle á conselleira o interese e a vontade por facer que Ames siga medrando: “O ritmo de crecemento de Ames fai necesario habilitar solo industrial e empresarial para xerar oportunidades de emprego na zona e, dende esta administración, traballaremos man a man coa Xunta coa máxima lealdade e respecto como vimos facendo durante todo este mandato”

Ames conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais. 

A Xunta desenvolverá o futuro parque empresarial de Portanxil-Pegariños situado en Ames

Multimedia

  • A Xunta desenvolverá o futuro parque empresarial de Portanxil-Pegariños situado en Ames