[19-10-2012] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames vén de aprobar o inicio do expediente de contratación de cinco obras contempladas nos convenios asinados recentemente coa Deputación da Coruña e que contan cun importe superior aos 371.246 euros. En concreto, trátase das obras de pavimentación que se realizarán na zona de Lapido (2º fase); dos traballos de mellora das condicións e da seguridade viaria no lugar de Biduído de Arriba e no Milladoiro; das obras de acondicionamento da rúa Seidón e dos traballos de acondicionamento da Biblioteca Municipal do Milladoiro.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliñou que os convenios asinados coa Deputación da Coruña “permitirán levar a cabo obras moi importantes e demandadas polos veciños e veciñas amienses como son o remate da pavimentación de Lapido ou o acondicionamento da Biblioteca do Milladoiro”. Así, destacou que se iniciou o proceso de contratación das obras de pavimentación de Lapido, nas que se investirán un total de 81.266 euros. Trátase dunha obra que o anterior Goberno municipal deixou sen concluír por problemas de financiamento e que agora se rematará. Sobre estes traballos, o rexedor amiense destaca que “o actual Executivo cumpre con este convenio o compromiso de acadar unha aportación económica da Deputación para a súa finalización, tal e como se comprometeu cos veciños e veciñas”.
Na Xunta de Goberno Local tamén se iniciou o proceso de contratación das obras de acondicionamento da Biblioteca Municipal do Milladoiro, que teñen un orzamento de 143.317, 24 euros. Segundo destacou o alcalde de Ames, Santiago Amor, “cúmprese o compromiso do Goberno municipal de dotar ao Milladoiro dunha biblioteca apta para o estudo e a lectura e en mellores condicións que a actual".
Mellora da seguridade peonil
Por último, o Concello de Ames deu luz verde tamén ao inicio da contratación de tres obras en distintos puntos do municipio, que permitirán garantir a seguridade dos peóns que transitan por varias vías. Deste xeito, levaranse a cabo obras de mellora das condicións de seguridade peonil no lugar de Biduído de Arriba. Estres traballos contan cun orzamento de 55.080 euros.
No Milladoiro tamén se realizarán obras que permitirán mellorar as condicións de seguridade dos peóns. Estres traballos teñen un custe total de 58.102 euros. Nesta mesma localidade, está previsto levar a cabo obras de mellora na rúa Seidón, que terán un custe de 33.520, 16 euros.





