Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local de Ames inicia o proceso de contratación das obras de canalización de pluviais e mellora da seguridade viaria en Ventín

Mércores, 05 de decembro de 2012

[05-12-2012] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames acaba de aprobar o inicio do expediente de contratación das obras de canalización de pluviais e mellora da seguridade viaria no lugar de Ventín, en Biduído. As obras que se levarán a cabo en Ventín permitirán mellorar a seguridade dos peóns que circulen por esta zona. En total, actuarase nun tramo de 400 metros de vía e investiranse máis de 28.000 euros.

Estes traballos están incluídos no convenio asinado recentemente coa Deputación da Coruña, que permitirá a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.

Na actualidade, a vía, de titularidade municipal e prevista para a circulación de vehículos en dobre sentido cun ancho medio de 4,3 metros, non conta con ningún tipo de acondicionamento para uso dos peóns. A vía soporta unha gran cantidade de trafico, xa que a conexión co corredor das Galanas desemboca nesta vía e, ademais, esta pista comunica como vía mais curta os núcleos de Bertamiráns e Milladoiro. A día de hoxe, o acceso peonil nesta estrada e tan estreito que en gran parte do trazado os peóns teñen que circular invadindo a estrada ou pola cuneta, co conseguinte perigo.

Actuacións previstas
As obras a executar consisten na colocación na cuneta de colector de pluviais en PVC, previa colocación de capa de area e, sobre esta canalización, execución de soleira de formigón realizada in situ cun ancho medio de 1 metro e un groso aproximado de 10 centímetros. Os accesos peonís levaran no seu percorrido arquetas-sumidoiros que irán conectadas á canalización de PVC, para permitir a evacuación das augas pluviais. Deste xeito, conséguese que a circulación dos peóns se poida realizar nunhas condicións máis seguras.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Senda de hormigón y canalizaciones para pluviales en la zona de Ventín"
El Correo Gallego: "O Goberno Local de Ames inicia o proceso de contratación das obras de canalización de pluviais e mellora da seguridade viaria en Ventín"