[21-02-2013] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames acaba de aprobar o inicio do expediente de contratación, baixo a modalidade de renting, de dous vehículos equipados con kit policial que teñen como destino a Policía Local. Con este contrato, que conta cun orzamento de 83.520 euros máis IVE para un período de catro anos, o Goberno amiense dá resposta a unha vella demanda da Policía Local, que lle expresara ao Concello de Ames a necesidade de substituír dous dos vehículos cos que conta.
Na actualidade, o corpo da Policía Local de Ames, integrado por un total de 25 efectivos, dispón de catro automóbiles para desenvolver o seu labor. Estes vehículos teñen entre 7 e 15 anos de antigüidade e rexistran un uso intensivo (todos os días á semana durante practicamente 24 horas), polo que a Policía manifestou a necesidade de substituír dous dos vehículos patrulla. Considerando o uso intensivo que rexistran estes vehículos patrulla e o elevado dos seus gastos de mantemento, desde o Concello considerouse que a fórmula máis axeitada para a súa adquisición é o alugueiro renting. Anteriormente, a Xunta de Galicia cedía vehículos para os corpos policiais e para poder optar a esta cesión era necesario que o Concello tivese a conta rendida en prazo, algo que nos últimos anos imposibilitou que Ames puidese optar por esta vía.
O procedemento de contratación aprobado hoxe pola Xunta de Goberno Local anunciarase no Boletín Oficial da Provincia e no perfil do contratante da páxina web municipal. As propostas poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello dentro do prazo de quince días naturais que empezarán desde o día seguinte á súa publicación no BOP e no perfil do contratante.
Características mínimas e servizos
No prego de prescricións técnicas, establécense as características mínimas coas que deben contar os vehículos (potencia de entre 100 cv. E 120 cv, tipo de combustible diesel/híbrido, sistema de freado ABS, airbags, etc.) e o equipamento policial. Neste último, requírese que o vehículo dispoña dunha ponte de sinalización prioritaria de 1.100 mm de lonxitude, con dous niveis de luces en cor azul e cor cristal. Ademais, entre outras características, os vehículos deben incorporar un kit de transporte de detidos con mampara de separación, sinalización perimetral, sinalización complementaria, lanternas, conos, un extintor e rotulación.
Tamén se establecen no prego de prescricións os servizos que debe incluír o arrendamento, como son o aluguer dos dous vehículos por un prazo de 48 meses e cunha contratación de 55.000 quilómetros anuais por vehículo ou o mantemento integral.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames reserva 83.500 euros para sustituir dos vehículos antiguos de la Policía Local"
El Correo Gallego: "A Xunta de Goberno Local de Ames inicia o proceso de contratación de dous vehículos equipados para a Policía Local"