Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local de Ames aproba o inicio do proceso de contratación para dotar á Policía Local de dous novos vehículos

Luns, 31 de marzo de 2014

[31-03-2014] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames acaba de aprobar o inicio do expediente de contratación, mediante procedemento aberto, de dous vehículos equipados con kit policial que teñen como destino a Policía Local. O orzamento estimado do presente contrato é de 45.454,55 euros, máis o correspondente IVE que supón 9.545,45 euros, o que fai un importe total de 55.000 euros. A través deste proceso de contratación o goberno municipal pretende adquirir dous novos vehículos para renovar o parque automobilístico da Policía Local. Deste xeito, dáse resposta a unha vella demanda da Policía Local, que lle expresara ao Concello de Ames a necesidade de substituír dous dos vehículos cos que conta.

Na actualidade, o corpo da Policía Local de Ames, integrado por un total de 25 efectivos, dispón de catro automóbiles para desenvolver o seu labor. Estes vehículos teñen entre 8 e 16 anos de antigüidade e rexistran un uso intensivo (todos os días á semana durante practicamente 24 horas), polo que a Policía manifestou a necesidade de substituír dous dos vehículos patrulla.

Para renovar o parque automobilístico da Policía Local a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames vén de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, para a subministración de dous vehículos equipados con kit policial para o corpo de seguridade amiense. O orzamento estimado do presente contrato é de 45.454,55 euros, máis o correspondente IVE que supón 9.545,45 euros, o que fai un importe total de 55.000 euros.

O procedemento de contratación aprobado pola Xunta de Goberno Local anunciarase no Boletín Oficial da Provincia e no perfil do contratante da páxina web municipal. As propostas poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello dentro do prazo de quince días naturais que empezarán desde o día seguinte á súa publicación no BOP e no perfil do contratante.

Características mínimas dos vehículos 
No prego de prescricións técnicas, establécense as características mínimas coas que deben contar os vehículos (potencia mínima de 100 CV; cilindrada mínima de 1.500 centímetros cúbicos; tipo de combustible diesel/híbrido; sistema de freado ABS; tipo de cambio manual ou automático; carrocería tipo monovolumen; cristais traseiros tintados; airbags; etc.).

Tamén se detalla o equipamento policial específico co que deben estar dotados estes dous vehículos. Deste xeito, requírese que os vehículos dispoñan de ponte de luces, iluminación perimetral e elementos de deseño e rotulación. Ademais, entre outras características, os vehículos deben incorporar un kit de transporte de detidos con mampara de separación entre asentos dianteiros e traseiros, con cargadores para dúas lanternas; conxunto de mampara posterior de separación entre o asento traseiro e o maleteiro; emisora e antena; lanternas; conos; un extintor, etc.

O Concello de Ames recibirá o vehículo cos equipos policiais montados e tendo pasada a correspondente inspección técnica na que se inclúan todas as modificacións e equipamentos instalados coa correspondente homologación, debidamente matriculado e con toda a documentación en regra. Ademais, establécese un prazo mínimo de garantía, (tanto en pezas como en man de obra) de 2 anos, contados a partir da data de entrega dos vehículos.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames reserva 55.000 euros para comprar dos coches para la Policía Local"
El Correo Gallego: "A Xunta de Goberno Local de Ames aproba o inicio do proceso de contratación para dotar á Policía Local de dous novos vehículos"