[18-07-2013] O goberno municipal de Ames, reunido en Xunta de Goberno Local, acaba de adxudicar as obras de construción dunha zona de aparcamento, que estará situado ao carón do Centro de Formación Ocupacional e Usos Múltiples de Ames. As obras foron adxudicadas á empresa Martínez Montes e Hijos SL por un importe de 66.943,25 euros. O novo aparcamento disporá de 27 prazas (2 prazas estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida). Estas obras están incluídas no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña correspondente ao exercicio 2013. Deste xeito, axilízanse os prazos e impúlsase a posta en marcha das obras sufragadas a través de POS, que en anos anteriores levaron unha tramitación máis prolongada.
O Centro de Formación Ocupacional de Ames, que se atopa nas proximidades da urbanización de Aldea Nova, disporá proximamente dun aparcadoiro público. Cómpre lembrar que este centro comezou a acoller obradoiros e cursos no pasado mes de xaneiro. Entre os meses de xaneiro e xuño acolleu o obradoiro de emprego Encontro Verde, que realizaron en colaboración os concellos de Ames e Brión. Na actualidade, neste centro estase impartindo unha nova edición do programa da Rede Xiana2.
Para facilitar o estacionamento a todas as persoas que participan nos obradoiros e cursos que se imparten neste centro de formación o goberno municipal decidiu sufragar a través do POS 2013 a construción dun aparcadoiro, que estará situado ao carón do Centro de Formación Ocupacional de Ames. A través deste proxecto preténdese construír un aparcamento público de superficie que, entre outras actividades, preste servizo aos usuarios/as do Centro de Formación Ocupacional de Ames.
Un aparcadoiro de 27 prazas
Co obxectivo de avanzar na construción do aparcadoiro, o goberno municipal acaba de aprobar a adxudicación destas obras en Xunta de Goberno Local. As devanditas obras foron adxudicadas á empresa Martínez Montes e Hijos SL por un importe de 66.943,25 euros. O novo aparcamento, que será construído nunha parcela de 723,85 metros cadrados, disporá de 27 prazas (2 prazas estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida).
Por outra banda, esta zona de aparcamento terá tres puntos de acceso. A entrada de acceso rodado será dende a rúa Costaneira da urbanización de Aldea Nova. Haberá outro acceso peonil dende o Centro de Formación Ocupacional. Por último, tamén se habilitará un acceso con rampla para poder acceder dende o aparcadoiro ás dependencias de taller e almacén. Isto faise para facilitar a carga e descarga de material.
A adxudicación desta obra enmárcase dentro da liña de traballo que está realizando o goberno municipal co obxectivo de impulsar as obras que están incluídas no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña correspondente ao exercicio 2013. Deste xeito, estanse axilizando os prazos e impulsando a posta en marcha das obras sufragadas a través de POS, que en anos anteriores levaron unha tramitación máis prolongada no tempo e comezaron a realizarse a finais de ano.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames aprueba la construcción de un nuevo aparcamiento público"




