[07-10-2011] A Xunta de Goberno Local aprobou, este xoves pola mañá, o Plan Especial de Reforma Interior do ámbito de solo urbano non consolidado APR-B3-02 “Camiño do Rueiro II” situado en Bertamiráns. Este plan resolverá e completará a conexión do viario existente entre “Camiño do Rueiro” e a “Rúa da Murada” e co futuro polígono B7-01 incluído na área de reparto do parque do Río Ameneiral, definindo a superficie de parcela privada necesaria para dar cabida á construcción de bloques de vivenda, cedéndolle ao Concello o resto da superficie para implantar equipamentos comunitarios. Este ámbito de solo urbano dispón dunha superficie total de 15.952 metros cadrados, dos cales 13.000 son lucrativos (onde se constrúe vivenda) e 4.893 están dedicados a cesións (destinados a espazos verdes e dotación de equipamentos públicos).
O ámbito de solo urbano non consolidado APR B3-02 "Camiño do Rueiro II" está contido nas previsións do plan xeral de ordenación municipal. A delimitación do Plan Especial de Reforma Interior para o desenvolvemento do APE B3-02 é coincidente co previsto no PXOM.
O plan determina usos e ordenanza de aplicación en cada zona, edificabilidade en cada un dos volumes edificables distinguindo residencial libre do protexido. Tamén sinala as reservas de terreos para dotacións urbanísticas en proporción ás necesidades da poboación e de conformidade coas reservas mínimas establecidas. Esta reforma prevé unha parcela destinada a dotacional público e dúas áreas de espazos libres públicos.
A través desta modificación ordénase a edificación co viario de nova apertura definido no PXOM e situando dúas amplas zonas verdes públicas, unha na mazá A, presentando un amplo fronte á ampliación da Rúa Murada e outra na mazá B, coincidente co arborado existente e continuidade ao oeste.
A cesión para equipamentos é unha peza compacta e en esquina con fronte a dúas rúas e require unha pequena modificación proxectándose de xeito que poda engadirse no futuro ao equipamento resultado da tramitación do polígono colindante ao norte.Este ámbito de solo urbano dispón dunha superficie total de 15.952 metros cadrados, dos cales 13.000 son lucrativos, 4.617,59 m2 estarán dedicados a zonas verdes públicas e 1.347,47 m2 a construción de equipamentos públicos.
En canto as prazas de aparcamento está previsto que se executen un total de 260 prazas, 72 prazas en dominio público e 188 en dominio privado.
Programa Amessan
Por outra banda a Xunta de Goberno local aprobou a prórroga do contrato de servizo de realización de actividades de prevención, promoción da saúde e dinamización de persoas maiores do Concello de Ames, coñecido como o programa Amessan. Neste programa ofrécense actividades de ximnasia terapéutica, expresión a través das mans, expresión musical, baile de salón e aos obradoiro de memoria. A través deste servizo promóvense hábitos de conduta saudables entre os adultos e anciáns de Ames.
Nesta prórroga de contrato establécese unha modificación dos prezos. Con independencia do custo total da adxudicación (que se fixou en 50.186 euros para esta tempada, a razón de 21,82 euros/hora, máis o IVE correspondente), o Concello pagará unicamente as actividades que realmente se realicen. Isto supón unha modificación de 8.976,31 euros, máis o IVE correspondente (1.615,73 €) á baixa sobre o prezo efectivamente facturado no curso 2010-2011 (que ascendeu a 43.367,25 €, máis o IVE correspondente).
Adxudicación de obras
Por último a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de tres obras aínda que agora as empresas terán que achegar a correspondente documentación para poder executar as devanditas obras. Por unha banda a empresa Martínez Montes e Hijos SL encargaríase da pavimentación do camiño que vai de Pontemaceira a Carballo pasando por Trasmonte por un importe de 30.549,92 euros. Esta mesma empresa executaría as obras de ampliación do saneamento e abastecemento no lugar de Tarrío, incluída no POS 2011, por 94.558,21 euros. Mentres que a compañía Excavaciones Ovidio, S.L. Encargaríase da ampliación do saneamento, abastecemento e anulación dunha fosa séptica no lugar de Guimaráns, pertencente á parroquia de Bugallido, por un importe de 129.269,99 euros. Esta obras tamén está incluída no POS 2011.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Luz verde al plan de reforma Rueiro"
El Correo Gallego: "Luz verde o Plan Reforma Interior do ámbito de solo urbano non consolidado en Bertamiráns"




