Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local dá luz verde para a execución das beirarrúas en Covas

Venres, 02 de setembro de 2011

[02-09-2011] O goberno amiense dálle luz verde ás obras das beirarrúas na parroquia de Covas. A Xunta de Goberno local aprobou a adxudicación da contratación das obras das beirarrúas dende o lugar de Capeáns á Igrexa de Covas. A empresa adxudicataria, Jesús Martínez Álvarez Construcciones, S. A, realizará estas obras por un importe total de 251.892,75 euros, IVE incluído.

A obras levaranse a cabo nun tramo de 500 metros e consistirán na ampliación do viario, así como na construción de beirarrúas en ambas as dúas marxes da calzada que disporán dun metro e medio de ancho como mínimo. Para poder executar esta obra chegouse a un acordo con todos os propietarios das fincas afectadas, que cederon gratuitamente o seu terreo, e non foi necesario realizar un proceso de expropiación forzosa. O proxecto tamén recolle a canalización para a recollia de pluviais cos seus respectivos pozos de rexistro e sumidoiros.

Un total de 33 empresas presentáronse ao proceso de contratación do proxecto e finalmente a obra foille adxudicada á que maior puntuación acadou. Coa execución desta obra dáselle resposta a unha antiga solicitude dos veciños que levan máis de seis anos pedindo que se rematen as beirarrúas en Covas. Agora, coa execución deste proxecto amplíase a travesía de Covas faltando soamente por executar un terceiro tramo que vai dende a igrexa de Covas ata o cruce do Lombao, punto de conexión da travesía coa estrada Roxos-Portomouro.

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén varias licenzas de segregación, unha licenza de obra maior e a modificación dunha licenza de parcelamento.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello amiense adjudica las aceras entre Capeáns y Covas por 252.000 euros"