Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local concede licenza de obra para a ampliación de tres aulas e a cubrición do patio do IES de Ames

Martes, 06 de setembro de 2016

[06-09-2016] A Xunta de Goberno Local vén de concederlle licenza de obra á Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, para a ampliación de tres aulas e a cubrición do patio do IES de Ames, que está situado na localidade de Bertamiráns. Asemade aprobouse a primeira e única prórroga coa empresa A Billarda SL para que siga prestando o servizo de monitores nos comedores escolares de cara ao curso escolar 2016/2017. Por último, autorizouse a primeira prórroga do contrato de servizos de limpeza nas dependencias municipais subscrito coa empresa Onet Seralia SA. Esta prórroga aprobouse por un prazo dun ano.

O Concello de Ames acaba de conceder a licenza de obra que se solicitou por parte da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta de Galicia, para a ampliación de tres aulas e a cubrición do patio do IES de Ames. Estas obras, que serán sufragadas pola Administración autonómica, teñen un custo de 161.986,05 euros. Estas obras consistirán en pechar o espazo porticado, que está situado ao leste da construción orixinal do IES, co obxectivo de facer tres aulas. Asemade, preténdese cubrir o patio en planta baixa deixando un paso perimetral descuberto. A superficie construída será de 527,05 metros cadrados (cuberta do patio: 273,50 m2 e ampliación de tres aulas: 253,55 m2).

Por outra banda, aprobouse a primeira e única prórroga coa empresa A Billarda SL para que siga prestando o servizo de monitores nos comedores escolares de cara ao curso escolar 2016/2017. Cómpre lembrar que a Xunta de Goberno Local o 12 de decembro de 2014 adxudicou o contrato de servizo denominado “Monitoraxe na rede de comedores escolares” á empresa A Billarda SL por un período máximo dun ano e medio, comezando o día 1 de xaneiro de 2015, podendo prorrogarse expresamente por outro ano máis ata un máximo de dous anos e medio, finalizando o servizo ao remate do curso escolar 2016-2017 (incluído período inicial e prórrogas).

Ademais, autorizouse a primeira prórroga do contrato de servizos de limpeza de varios edificios e dependencias municipais subscrito coa empresa Onet Seralia SA. Esta prórroga aprobouse por un prazo dun ano. Neste caso o contrato, que foi asinado o pasado 1 de setembro de 2014, establece que ten unha duración inicial de dous anos, prorrogable expresamente por períodos de un ano, por mutuo acordo das partes, ata un máximo de catro (incluído o período inicial e prorrogas).

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Amplían el IES de Ames y el monitoraje de los comedores"
La Voz de Galicia:"Conceden licencia de obras para la primera ampliación del instituto de Bertamiráns"
La Voz de Galicia:" Prorrogan el contrato de los monitores de los comedores escolares"