Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aprobou o contrato de aluguer do local destinado a oficinas dos grupos políticos municipais da oposición

Xoves, 30 de xullo de 2015

[30-07-2015] Esta mañá o salón de Plenos da Casa do Concello acolleu unha nova sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou o contrato de aluguer do local destinado a oficinas dos grupos políticos municipais da oposición. Ademais, autorizouse a prórroga do contrato do servizo Bos Días Cole por un curso escolar e aprobouse a segunda prórroga do contrato do servizo denominado “mantemento das instalacións semafóricas do Concello de Ames” polo prazo dun ano. Por último, aprobouse a concesión de dúas licenzas de primeira ocupación.

No pleno de organización, celebrado o pasado 10 de xullo, adoptouse o acordo de dotar de medios aos grupos políticos municipais da oposición. Concretamente, a proposta da Alcaldía que se levou a este pleno comprendía a asignación aos grupos municipais da oposición dun local ao carón da Casa co Concello con mobiliario, ordenador, fotocopiadora, liña telefónica e conexión a Internet.

Durante o transcurso de dita sesión plenaria, o representante do grupo Ciudadanos, manifestou a súa renuncia a ter persoal eventual e local propio. Por iso, tras a súa renuncia, o pleno acordou que a asignación de local e persoal eventual aos grupos municipais da oposición sexa unicamente aos grupos políticos municipais do Partido Popular, Ames Novo e Pacto x Ames.

Finalmente, a Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o aluguer do local que está situado na rúa Ameneiral, número 7 B, en Bertamiráns, nas inmediacións da Casa Consistorial, para destinalo a oficinas dos grupos políticos municipais da oposición. O contrato de aluguer terá un custe de 500 euros mensuais e asinarase por un prazo de 1 ano, prorrogable ata un máximo de 4.

Por outra banda, abordáronse diferentes temas de trámite como foron a aprobación de dúas licenzas de primeira ocupación. Unha delas para unha veciña que solicitou a ampliación dunha vivenda unifamiliar situada na parroquia de Ortoño e outra para unha vivenda unifamiliar construída en Bugallido. Ademais, declarouse desistida a solicitude de licenza de obra maior solicitada por unha veciña, para a construción dunha vivenda unifamiliar no lugar de Seárez de Arriba.

Prórroga de contratos de servizos municipais
A continuación, autorizouse a primeira prórroga, por un curso escolar, do contrato do servizo municipal Bos Días Cole, concretamente para o curso escolar 2015/2016, en base á cláusula segunda do contrato formalizado o 11 de setembro de 2013 coa empresa Orbita Infantil SC. As características do contrato permanecerán inalterables durante o período de prórroga.

Tamén se aprobou a segunda prórroga do contrato do servizo denominado “mantemento das instalacións semafóricas do Concello de Ames”, polo prazo dun ano, en base a cláusula segunda do contrato formalizado o 9 de agosto de 2012 coa empresa Telvent Tráfico y Transporte SA. As características deste contrato tamén permanecerán inalterables durante o período de prórroga.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello alquila un local en Bertamiráns como oficina para la oposición"