A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 16 de maio a participación do Concello de Ames no Plan único de concellos POS+ Adicional 1/2019. A achega provincial asignada ao Concello de Ames no POS+ Adicional 1/2019 é de 834.460,91 euros. A maior parte desta contía, que ascende a 777.415,69 euros, dedicarase a sufragar os proxectos incluídos no POS complementario de 2019 (construción duns novos vestiarios no campo de fútbol do Milladoiro; execución de novas sendas peonís de Sisalde a Agro do Muíño e de Outeiro a Costoia; e pavimentación de camiños nos lugares de Raíces, Tarrío, Ventosa e Sura). O importe restante de 57.045,22 euros dedicarase a outros proxectos.
O pasado 30 de abril a Deputación Provincial da Coruña remitiulle ao Concello de Ames unha circular informativa sobre a elaboración do POS+ Adicional 1/2019, na que se indicaba que se lle asigna ao concello amesán a contía de 834.460,91 euros. Nas instrucións para tramitación deste plan adicional establécese que os concellos deberán asignar esta cantidade ao financiamento de investimentos financeiramente sostibles, ben aos incluídos no plan complementario do POS 2019, ou ben a outros investimentos novos financeiramente sostibles.
Deste xeito, o Concello de Ames dedicará o importe do POS+ Adicional 1/2019 a sufragar os proxectos xa incluídos no plan complementario 2019, que foi aprobado no pleno extraordinario do pasado 18 de decembro de 2018. Isto vai permitir unha maior axilidade e rapidez na inclusión destas obras no plan adicional, principalmente porque os proxectos xa están aprobados. Isto tamén vai permitir que se poidan executar as actuacións con maior rapidez.
O Concello dedicou unha partida de 777.415,69 euros ao plan complementario, mentres que a achega provincial asignada ao Concello de Ames no POS+ Adicional 1/2019 é de 834.460,91 euros. Existe unha diferencia de 57.045,22 euros que se dedicará a novos investimentos financeiramente sostibles. Para esta partida haberá que redactar novos proxectos, informalos, valoralos e aprobalos en Pleno.
Os proxectos incluídos no plan complementario de 2019, que suman unha contía de 777.415,69 euros, son a construción duns novos vestiarios no campo de fútbol do Milladoiro (81.743,12 euros); unha senda peonil de Sisalde a Agro do Muíño (134.596,95 euros); outra senda peonil de Outeiro a Costoia (184.547,41 euros); e maila pavimentación de varios camiños: no núcleo de Raíces (102.696,73 euros); no camiño de Tarrío a Raíces (90.920,30 euros); dos accesos en Ventosa (95.009,62 euros); e dos accesos ao lugar de Sura (87.901,56 euros).