[13-07-2017] A Xunta de Goberno Local aprobou a execución das obras de ampliación de abastecemento de auga nos lugares de Guimaráns e Quistiláns pertencentes á parroquia de Bugallido, de saneamento no núcleo de Susavila de Carballo, de pavimentación no interior da aldea de Sisalde e dos camiños que van de Pousada á capela de Xan Xoanciño e de Oca á Igrexa. As obras, que financiará a Deputación Provincial de A Coruña, ascenden a preto case 100.00 euros.
O Goberno de Ames continúa co seu compromiso de mellorar as condicións de vida da zona rural e de dotar de servizos aos lugares e as aldeas do concello. Desta volta, e a través de o Plan de Aforro e Investimento (PAI) e do Plan Complementario de Obras e Servizos da De`putación de A Coruña (POS) que financiarán os devanditos proxectos de obras, a Xunta de Goberno afronta pavimentacións, arranxos de camiños e obras de abastecemento e saneamento. “Cada día estamos a demostrar a aposta deste goberno polo rural, xa que neste caso investimos 100.000 en euros en obras que acometeremos nas parroquias de Bugallido, Ames e Ortoño”, declara o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García.
52.061,36 euros chegarán a Ames a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial de A Coruña. A Xunta de Goberno Local ven de aprobar que se destinen estes cartos á execución das obras do camiño que vai de Pousada á capela de San Xoanciño, ás do camiño de Oca á Igrexa, a pavimentación do interior da aldea de Sisalde e o saneamento no núcleo de Susavila de Carballo.
Por outra banda, 40.559,96 euros procedentes do Plan de Aforro e Investimento (PAI) da deputación de A Coruña, serán empregados na execución das obras de ampliación de abastecemento de auga nos lugares de Guimaráns e Quistiláns, pertencentes á parroquia de Bugallido. Con respecto a estas obras, o concelleiro Blas García, declara que “seguimos a cumprir o compromiso de estender ao rural as canalizacións de saneamento e, como é o caso, o de abastecemento, xa que levamos a auga a dous lugares que carecían deste servizo básico e que fai tempo o reclamaban”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames aprueba proyectos para caminos y la red de aguas del rural"