[09-05-2016] A Xunta de Goberno Local vén de darlle luz verde á adxudicación das obras de reparación no interior do lugar de Pegariños, pertencente á parroquia de Ames, e das rúas Pesqueiras, Entrerríos e Ameneiral, situadas na localidade de Bertamiráns. Estas obras están incluídas dentro do Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña. Os traballos foron adxudicados á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL por un importe de 51.399, 84, IVE incluído.
A obra de reparación no interior do lugar de Pegariños, pertencente á parroquia de Ames, está dividida en varios treitos. En oito destes tramos de 15x9,00; 10x3,00; 6x4,00; 50x5,00; 20x9,00; 30x6,00; 50x4,50; e 45x3,50, vaise a reparar o pavimento e repoñer o firme aplicando doce centímetros de formigón, incluíndo mallazo e xuntas de dilatación, intercalando franxas de adoquín de granito de 5 metros de lonxitude e medio metro de ancho. Previamente haberá demoler o pavimento existente e acondicionar a explanada.
Ademais, nun treito de 420 metros de lonxitude e 4 metros de ancho vaise a mellorar a capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e aplicando un rego de selado en toda a superficie. Previamente, haberá que reparar as fochancas existentes e perfilar as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. No proxecto tamén se contempla a canalización de 190 metros de tubería de PVC de 400 milímetros de diámetro, a execución de tres pozos de rexistro e a execución de 47 metros de caz de formigón con reixa para a recollida de augas pluviais.
Por outra banda, vanse a reparar e mellorar o firme das rúas Pesqueiras, Entrerríos e Ameneiral, situadas na localidade de Bertamiráns. Actuarase en tres treitos de 80x8,00; 70x6,00; e 40x4,00 metros co obxectivo de mellorar a capa de rodaxe destas vías, aplicando cinco centímetros de aglomerado en quente, previo fresado do pavimento existente.




