[16-12-2016] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o reparto de axudas para as familias numerosas do concello de Ames, así como para as asociacións de empresarios e comerciantes. Repartíronse 20.170,28 euros entre catro entidades: a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira Palmira Bulevar; a Asociación de Empresarios do Polígono Novo Milladoiro; e maila Asociación de Empresarios e Comerciantes do Milladoiro. Ademais, 64 familias (29 aprobadas pola UTS de Bertamiráns e 35 aprobadas pola UTS do Milladoiro) recibirán unha axuda de 1.200 euros. Así, a través da liña de axudas ás familias numerosas repartiranse un total de 76.800 euros.
O obxectivo destas axudas é proporcionarlles apoio económico a aquelas familias cualificadas como numerosas pola consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, ou organismos análogos doutras comunidades autónomas. Os beneficiarios/as destas axudas son aquelas familias numerosas que teñan a súa residencia habitual no municipio de Ames. Con este tipo de iniciativas, o Concello de Ames, a través da concellería de Servizos Sociais, pretende axudar a aquelas familias que máis dificultades teñen para a crianza dos fillos.
Para iso a Xunta de Goberno Local acaba de aprobar a concesión destas axudas económicas tramitadas no ano 2016 e que se corresponden co ano natural 2015, que consisten no pagamento único de 1.200 euros por unidade de convivencia. Neste caso, repartiranse 76.800 euros entre 64 familias (29 aprobadas pola UTS de Bertamiráns e 35 aprobadas pola UTS do Milladoiro).
Axudas ás asociacións de empresarios e comerciantes
Ademais, A Xunta de Goberno Local deulle luz verde á aprobación de xustificacións e achegas das subvencións para a promoción do comercio do Concello de Ames correspondentes ao ano 2015.
Deste xeito, repartíronse 20.170,28 euros (14.252,11 euros para a promoción comercial e 5.918,17 euros para infraestruturas) entre catro entidades: a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira Palmira Bulevar; a Asociación de Empresarios do Polígono Novo Milladoiro; e maila Asociación de Empresarios e Comerciantes do Milladoiro.
Estas axudas teñen como fin promover actividades e apoiar o desenvolvemento das asociacións de empresarios e de comerciantes existentes no concello co obxectivo de fortalecer e potenciar o tecido comercial e empresarial. Para poder optar a estas axudas as asociacións teñen que estar legalmente constituídas e figurar inscritas no rexistro de asociacións.




