[18-04-2016] A Xunta de Goberno Local acaba de aprobar o reparto das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar, que están destinadas ao alumnado de segundo ciclo de educación infantil para o curso 2015-2016. Deste xeito, repartiranse 6.611,15 euros entre 92 beneficiarios. Ademais, aprobáronse as xustificacións presentadas en relación á convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo por ANPAS no exercicio 2015. Neste caso vanse a repartir 14.537,70 euros entre 6 ANPAS. Dende a concellaría de Educación e Cultura iráselle notificando de xeito individualizado a cada beneficiario a resolución da subvención a que concorreu.
O Concello de Ames, a través da concellaría de Educación e Cultura, repartirá 6.611,15 euros entre preto de 100 rapaces e rapazas que están cursando estudos de segundo ciclo de educación infantil. Estas bolsas permitiranlle financiar os gastos efectuados desde o pasado 1 de xullo ata o 30 de novembro de 2015 en libros de texto, materiais curriculares e demais material didáctico e complementario. A estas axudas puideron optar os pais e nais -ou titores legais- dos nenos e nenas matriculados no curso escolar 2015/2016 nun centro de ensino sostido con fondos públicos, no nivel de educación infantil (2ª Etapa, de 3 a 5 anos).
A contía das subvencións a conceder determinouse tendo en conta varios criterios fixados nas bases desta convocatoria de subvencións. Deste xeito, as unidades familiares cunha renda per cápita de menos do 50% do IPREM recibiron un importe máximo de axuda de 120 euros; as que contan cunha renda per cápita do 50% ata o 75% do IPREM, recibiron 100 euros, e para as unidades familiares con renda per cápita do 75% ao 100% do IPREM a axuda foi de 80 euros.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “a través desta liña de axudas sufrágase unha parte do custe que ten a compra de material escolar e das actividades organizadas polas ANPAS municipais. Proximamente iniciarase un proceso de participación coas ANPAS dos centros escolares de Ames para redactar as bases das novas convocatorias de axudas que se sacarán para sufragar os gastos de 2016 e do curso 2016-2017. Intentaremos aprobar a nova convocatoria de axudas o antes posible, para que de cara ao vindeiro mes de setembro, cando comeza o novo curso escolar, cada persoa xa saiba o importe que lle pode corresponder”.
Achegas ás ANPAS municipais
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou as xustificacións presentadas por 6 ANPAS municipais, o que acredita o seu dereito a percibir o importe das achegas concedidas. En total, vanse repartir 14.537,70 euros. A asignación das axudas realizarase da seguinte maneira: á ANPA da Escola infantil municipal A Madalena correspóndenlle 927,65 euros; a ANPA San Mauro percibirá unha achega de 820,79 euros; a ANPA do CEIP Agro do Muíño recibirá 3.296,99 euros; a ANPA do CEIP A Maía contará con 4.000 euros; a ANPA As Brañas recibirá 3.374,81 euros; e a ANPA Millapeques disporá de 2.117,46 euros.
David Santomil salienta “a importancia que teñen as ANPAS para mediar entre a comunidade educativa e o Concello co fin de ser un medio de comunicación constante para canalizar toda a información entre estes dúas entidades. Agora, unha vez notificadas todas as axudas aos seus beneficiarios, iniciaremos unha revisión da convocatoria de axudas das ANPAS para tratar se mellorala no que as propias ANPAS nos indiquen. A convocatoria de axudas de material escolar xa é un liña de subvencións que está moi consolidada e, neste caso, o que temos que facer e tratar de axilizar os trámites de convocatoria e xustificación para que os posibles beneficiarios poidan percibir a contía da axuda o antes posible”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia:"El programa para los libros de texto reparte 6.612 euros entre 92 beneficiarios"




