Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba o reparto das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado do 2º ciclo de Educación Infantil

Venres, 04 de maio de 2018

[04-05-2018] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames vén de aprobar o reparto das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar, dirixidas ao alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil do curso 2017-2018. No total repartíronse 4.229,16 euros entre 67 beneficiarias e beneficiarios. O obxectivo desta convocatoria é sufragar parte do gasto en material escolar que, cada ano, teñen que realizar as familias de Ames. As axudas foron aprobadas despois de que a Comisión de Valoración examinase todas as solicitudes presentadas.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, repartirá 4.229,16 euros entre 67 rapazas e rapaces que, neste curso 2017-2018, se atopan no segundo ciclo de Educación Infantil dun centro sostido con fondos públicos. Desta maneira, a bolsa permitirá financiar parte dos gastos efectuados, desde o pasado 1 de xullo ata o 30 de novembro de 2017, polas familias empadroadas en Ames en libros de texto e material escolar.

A contía das subvencións estivo determinada por varios criterios fixados nas bases da convocatoria. Deste xeito, as unidades familiares cunha renda per cápita menor ao 50% do IPREM recibiron un importe máximo de 120 euros por nena ou neno, mentres que aquelas que contan cunha renda per cápita de entre o 50% e o 75% do IPREM percibiron axudas non superiores aos 100 euros. Por último, as familias cunha renda per cápita situada entre o 75% e o 100% do IPREM recibiron contías máximas de 80 euros.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “a través desta liña de subvencións búscase axudar ás familias co financiamento dos custos de material escolar e libros de texto das cativas e cativos de entre 3 e 5 anos, aliviando a presión económica que estes gastos supoñen cada ano para as unidades familiares empadroadas en Ames”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames aprueba el reparto de ayudas para la compra de material escolar"
Compostela 24 horas: "Se aprueba el reparto de ayudas para la adquisición de libros de texto y material escolar"