[15-04-2016] A Xunta de Goberno Local vén de darlle luz verde ao inicio do expediente de contratación das obras de saneamento no lugar de Lamas, en Costoia, que están incluídas no POS adicional 2015. Estas obras contemplan a ampliación da rede de saneamento deste lugar da parroquia de Biduído, con canalizacións de tubería cos correspondentes pozos de rexistro en calzada e arquetas de saneamento. Este proxecto conta cun orzamento de 81.692,30 euros, IVE incluído.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, indica que "seguimos a licitar actuacións no rural de Ames. Neste caso centrámonos en dotar de saneamento a aqueles lugares que aínda non dispoñen deste servizo. Dende este goberno, tal e como levamos repetindo reiteradamente, apostamos firme e claramente polo saneamento ao longo destes catro anos de mandato”.
As obras que se recollen neste proxecto consistirán na instalación de 408 metros de tubería de PVC, dos que 45 metros serán de 315 milímetros de diámetro, 315 metros de 250 milímetros e os 48 restantes terán un grosor de 160 milímetros. Ademais, contémplase a execución de 8 arquetas para saneamento, previa escavación da correspondente faixa e posterior recheo compactado da mesma.
Debido á orografía do terreo faise preciso a instalación dun pozo de bombeo e unha tubería de impulsión coa correspondente acometida eléctrica, cadro de mando e todos os elementos necesarios para o seu correcto funcionamento. Finalmente, contémplase a reposición do pavimento afectado pola execución das obras semellante ao existente.
Contido relacionado
La Voz de Galicia:"El gobierno amiense inicia el expediente para el saneamiento en Costoia"
El Correo Gallego:"Inician el proceso para la contratación del saneamiento de Lamas"