Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba o inicio de licitación de obras para o acondicionamento de camiños, a construción dun vial no Milladoiro, e a reparación de instalacións deportivas

Venres, 18 de marzo de 2016

[18-03-2016] A Xunta de Goberno local aprobou onte, xoves 17 de marzo, o inicio de licitación de varias obras. Entre elas a reparación das instalacións do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre na praia fluvial de Tapia e a construción dun vial que conecte o Polígono Novo Milladoiro coa avenida do Muíño Vello, situada na parte oeste do Milladoiro. Ademais vaise reparar o camiño de Agro do Muíño, así como as beirarrúas da Rúa do Rego, no Milladoiro. Acondicionarase tamén a Senda Verde que parte preto desta rúa e que discorre entre a Garda Civil e o Centro Público de Ensinanza Infantil e Primaria Agro do Muíño. O presuposto total estimado do conxunto das obras ascende a 235.642,87 euros.

"Estas obras, necesarias, atenden a reclamacións e peticións realizadas polos veciños e veciñas de Ames nesas zonas" explicou Blas García, concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas. "Son ademais dunha mostra do reparto de actuacións entre as áreas rurais e as urbanas", destacou, "unha aposta que quere manter este goberno municipal".

Coas obras de construción dun vial a Avenida Muíño Vello á estrada de Ventín quérese conectar a Avenida Muíño Vello á estrada de Ventín. Desta forma a parte oeste do núcleo urbano do Milladoiro estará conectada directamente co Polígono Novo Milladoiro, alixeirando o tráfico que cruza cada día a Avenida Rosalía de Castro, eixe central de O Milladoiro. As obras inclúen o acondicionamento da explanación e o posterior afirmado dun tramo de 240 metros, a colocación de gabias para a recollida da auga pluvial e de sinalización viaria. O prazo estimado para a cometida da obra é de seis meses, e o seu presuposto total ascendería a 40.801, 15 euros.

"Hai que resaltar que a construcción deste vial servirá ademais como acceso á parte traseira do IES do Milladoiro", engadiu o concelleiro, "unha obra que leva reclamando dende hai un tempo a comunidade educativa do centro".
Un segundo paquete de obras estuda a reparación decamiños e beirarrúas. O primeiro deles é o Camiño Agro do Muíño, situado na parroquia de Ortoño. Un tramo de 195 metros no que se reporá o firme, previo acondicionamento da explanación e nivelación do terreo. No núcleo urbano do Milladoiro repararanse parte das beirarrúas da Rúa do Rego, que discorre paralelamente á Avenida Rosalía de Castro. Ademais de repoñerse as baldosa contémplase a colocación dunha varanda metálica de protección. Acondicionarase taén a Senda Verde, que une as dependencias da Garda Civil co Centro Público de Ensinanza Infantil e Primaria Agro do Muíño. Estímase en seis meses o tempo total necesario para a acometida das obras, cuxo presuposto conxunto ascende a un total de 40.801,15 euros.

Por último, quérese reparar as instalacións do Club de Piragüismo amesán, Ribeiras do Tambre, situadas na praia fluvial de Tapia. As instalacións están compostas por dúas naves, unha que funciona como almacén e outra que contén o ximnasio e o almacén. Ambas naves están unidas por unhas dependencias elevadas que acollen unha oficina e unha terraza. O prego que inclúe as memorias das obras incide en que as deficiencias na construción provocaron, co paso do tempo, a filtración da auga nos falsos teitos, desprendidos en varias partes das instalacións, e o consecuente deterioro do interior dos edificios. A madeira da terraza podreceu co paso do tempo, polo que esta xa non se pode empregar, e o portón e o pavimento exteriores tamén están deteriorados. O tempo calculado para acometer a reparación é de tres meses, cun presuposto total de 49.963,19 euros, incluíndo o IVE.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"http://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/goberno-amiense-licita-obras-mais-200-000/idEdicion-2016-03-19/idNoticia-986722/"