[18-08-2016] A Xunta de Goberno Local aprobou na mañá do xoves 18 de agosto do 2016, o expediente de licitación para a contratación da reparación e o acondicionamento do cemiterio municipal dos Batáns. As obras, por valor de 346.068,86 euros, realizaranse con cargo ao PAI do 2016. No concurso teranse en conta ademais dos criterios económicos outras cuestións como o control de calidade, os programas de traballo, as propostas de actuacións medioambientais, o plan de saúde e seguridade laboral dos traballadores e a porcentaxe de investimento que se dedique ao control interno da calidade da obra. Os pregos da licitación publicaranse no BOP e no Perfil do Contratante do Concello a vindeira semana e permanecerán en exposición pública durante 26 días. Por outra banda, na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou a concesión das axudas do Fondo de Acción Social por valor de máis de 57.000. euros.
A apertura do cemiterio municipal dos Batáns está máis próxima despois de que a Xunta de Goberno Local aprobara esta mañá o inicio de expediente de licitación das obras de reparación e acondicionamento das instalacións. A previsión é que a licitación que hoxe se aprobou poida resolverse no mes de outubro, de xeito que as obras comecen o máis rápido posible.
O cemiterio dos Batáns está feito e recibido desde o 29 de xaneiro do 2010. Pero por mor dunhas deficiencias observadas e da posterior demanda do Concello, aínda sen resolver, nunca chegou a abrirse ao público; tampouco se decidiu o modelo de xestión. Ao consecuente deterioro provocado pola falta de uso durante estes anos, súmanse os danos ocasionados polos diversos actos de vandalismo dos que foi obxecto a instalación en varias ocasións. No ano 2015, o actual equipo de goberno fai unha estimación sobre o que pode custar o arranxo das instalacións do cemiterio, calculando a inversión en 400,000 euros. No mes de agosto do mesmo ano, e mentres se buscan vías de financiamento, a Brigada Municipal de Obras fai tarefas de roza e limpeza, ao tempo que o Concello decide poñer vixilancia para rematar cos actos de vandalismo. A finais de 2015, aprobase en sesión plenaria, incluír as obras no PAI de 2016. O pasado mes de maio a Deputación da Coruña aproba o PAI e no mes de xullo llo comunica oficialmente ao concello.
Os pregos da licitación das obras publicaranse no BOP e no Perfil do Contratante do Concello a vindeira semana e permanecerán en exposición pública durante 26 días. A previsión é que a licitación poida resolverse no mes de outubro, de xeito que as obras comecen o máis rápido posible. Logo se aprobará a ordenanza que regule as tarifas que se apliquen pola venda de nichos e panteóns. De cumprirse os prazos previstos polo Concello, o Cemiterio Municipal dos Batáns abrirase no ano 2017
Apróbase a concesión das axudas do Fondo de Acción Social.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén as axudas recollidas no Fondo de Acción Social da convocatoria do exercicio 2015. A través destas axudas repártense nesta ocasión 57.392,73 euros para sufragar gastos derivados de tratamentos sanitarios non contemplados na sanidade pública, compra de primeira vivenda, gastos de Escolas Infantís e financiamento de estudos oficiais. A convocatoria tamén recolle axudas para gastos derivados da condición de discapacidade física, psíquica ou sensorial, persoas en situación de dependencia e axudas en caso de falecemento. 134 empregados municipais recibirán estas axudas.

Contido relacionado

El Correo Gallego:"Ames da luz verde al arreglo del cementerio de Os Batáns"
La Voz de Galicia:"Ames licita la reparación del cementerio por 346.000 euros"




