Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de contratación para o subministro de maquinaria de parques e xardíns para a brigada municipal de obras

Xoves, 20 de agosto de 2015

[20-08-2015] Esta mañá o salón de Plenos da Casa do Concello acolleu unha nova sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobaron tres expedientes de contratación de distintos servizos municipais. Primeiro para o subministro de maquinaria de parques e xardíns. De seguido, aprobouse o expediente de contratación do servizo de mantemento e reparación dos ascensores, montacargas e plataformas salvaescaleiras instalados nas dependencias municipais e edificios auxiliares. Por último, aprobouse un terceiro expediente para a contratación do servizo de seguros de accidentes colectivos do Concello de Ames. Tamén se aprobou o cambio de titularidade dunha licenza de obra maior, así como unha licenza de primeira ocupación e unha licenza de obra maior.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o expediente de contratación, mediante procedemento aberto e oferta económica mais vantaxosa, do servizo de subministro de maquinaria de parques e xardíns para a brigada municipal de obras do Concello de Ames. Deste xeito aprobáronse os pregos deste procedemento e autorizouse, como valor estimado do contrato, o importe de 38.204,54 euros. Con esta contratación preténdese paliar a falta e material que teñen os operarios da brigada de obras para poder desenvolver o seu traballo diario.

Por outra banda, aprobouse o expediente de contratación, mediante procedemento aberto e oferta económica mais vantaxosa, do servizo de mantemento e reparación dos ascensores, montacargas e plataforma salvaescaleiras instalados nas dependencias municipais e nos edificios auxiliares do Concello de Ames. Actualmente o mantemento destes ascensores vense prestando polas propias empresas instaladoras, sendo así varias as empresas que están facturando pola prestación deste servizo.

Para o adecuado mantemento destes aparatos, e de cara a obtención dun mellor prezo, faise necesario que o Concello promova a contratación da prestación do servizo de mantemento de ascensores cunha única empresa. A duración do contrato será dende o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de setembro de 2017, non admitíndose prórrogas. Asemade autorizouse, como valor estimado deste contrato, o importe de 32.783,67 euros.

Contratación do servizo de seguros de accidentes
Por último, aprobouse o expediente de contratación, mediante procedemento aberto e oferta económica máis vantaxosa, do contrato privado de servizos seguros de accidentes colectivos do Concello de Ames. Ademais, autorizouse como valor máximo total do presente contrato o importe de 36.000 euros. Este contrato terá unha duración inicial de dous anos comezando o 1 de outubro de 2015, podendo prorrogarse de maneira expresa por períodos anuais ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prorrogas).