Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de contratación de tres obras para reparar un camiño do Agro do Muíño, un tramo da Senda Verde e a rúa da Raxoeira do Milladoiro

Xoves, 28 de xullo de 2016

[28-07-2016] A Xunta de Goberno Local vén de darlle luz verde ao inicio do expediente de contratación de tres obras que se encadran dentro do proxecto modificado de reparación do camiño de Agro do Muíño (Ortoño) e outros. A través deste proxecto preténdese mellorar o firme dun camiño que conecta Agro do Muíño con Sisalde, un tramo da Senda Verde (dende o cuartel da Garda Civil do Milladoiro ata a escola infantil As Figueiras), así como da rúa da Raxoeira do Milladoiro. Estas tres obras teñen un presuposto de 40.800 euros (IVE incluído).

As obras de reparación do camiño que conecta Agro do Muíño co lugar de Sisalde (Ortoño) executaranse nun tramo de 195 metros de longo por 3,50 metros de ancho, e que conta cun sobreancho de 70x2,50 metros. A través desta actuación vaise repoñer o firme desta calzada con quince centímetros de grava e un triplo tratamento asfáltico, previo acondicionamento da explanación, nivelación e rasanteo. Finalmente, contémplase a apertura de gabias e maila limpeza de salvagabias para que haxa un correcto drenaxe, así como a sinalización vertical coa colocación dunha sinal de Stop.

Outra das obras que se recollen neste proxecto é a reparación dun tramo, de 140 metros de longo por 1,50 metros de ancho, da Senda Verde, que vai dende o cuartel da Garda Civil do Milladoiro ata a escola infantil As Figueiras. Neste caso preténdese demoler o pavimento existentes e repoñer o firme da calzada coa colocación de bordo de formigón prefabricado, dez centímetros de zahorra de canteira e dez de formigón. Asemade, instalarase a canalización dun tubo de 90 milímetros de diámetro para iluminación pública.

Por outra banda, tamén se pretende reparar a calzada da rúa da Raxoeira, situada no núcleo urbano do Milladoiro. A través desta obra quérese mellorar a capa de rodaxe desta vía en sete treitos, de 30,40x11,10; 7,40x7,50; 12,50x8,50; 18,70x11,10; 2,00x6,10; 26,00x1,00 e 30x11,00 metros, coa aplicación de cinco centímetros de aglomerado en quente, previo fresado do pavimento existente que se atopa nun estado claramente deficiente.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “a través deste proxecto vanse a executar obras moi necesarias tanto en Ortoño como no Milladoiro. Con estas actuacións o goberno pretende reparar a capa de rodaxe dos camiños e rúas municipais co obxectivo de mellorar a seguridade viaria dos condutores e dos peóns”.

Outros asuntos aprobados
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de dúas licenzas de obra. A primeira foi concedida a unha veciña do lugar de Raíces (Biduído), para a instalación dunha nova estrutura de cuberta. A segunda foi concedida a un veciño do lugar de Tarrío (Bugallido), para a construción dunha vivenda unifamiliar. Ademais, concedéuselle a un veciño a modificación dunha licenza de segregación dunha parcela situada en A Barreira, na parroquia de Ortoño.