Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de contratación de dúas obras de reparación de camiños en Agrón e Tapia que están incluídas no plan adicional DTC 93

Mércores, 02 de marzo de 2016

[02-03-2016] O Concello de Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno Local o expediente de contratación de dous proxectos de obras, incluídos no plan adicional DTC 93, que recollen melloras en dous camiños situados nos lugares de Insua (Agrón) e Frenza (Tapia). Nestes traballos vanse investir un total de 32.222,72 euros, IVE incluído. Os traballos que se executarán estarán dirixidos, sobre todo, a acondicionar a capa de rodaxe dos camiños e en colocar a correspondente sinalización horizontal. A finalidade é mellorar a seguridade viaria, tanto de peóns coma de vehículos.

A Xunta de Goberno Local vén de darlle luz verde ao inicio do expediente de contratación dun dos proxectos incluídos dentro do plan provincial DTC 93 adicional. Concretamente, acabase de aprobar a contratación do proxecto de “reparación interior en Insua (Agrón) e outros”, que dispón dunha partida orzamentaria de 32.222,72 euros. A través destas obras realizaranse melloras en dous camiños situados nos lugares de Insua (Agrón) e Frenza (Tapia).

Na obra de reparacións interiores en Insua actuarase nunha zona que se dividirá en tres treitos diferentes de 670x4; 135x3 e 200x3,50 metros, así como en 150 metros cadrados de sobreanchos. A través desta actuación mellorarase a capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e cun rego de selado. Previamente, haberá que reparar as fochancas existentes e perfilar as mordentes con grava e cun tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente, contémplase a apertura de gabias e maila limpeza de salvagabias para que se produza un correcto drenaxe lonxitudinal e transversal.

Por outra banda, vaise a executar outra obra de reparación no camiño que vai dende o lugar de Frenza ata a capela da Madalena. Nesta caso vaise a executar nunha zona que está dividida en dous treitos de 960x3 e 50x12 metros, así como en 125 metros cadrados de sobreanchos. A través destes traballos vaise a mellorar a capa de rodaxe deste camiño cun tratamento asfáltico superficial e cun rego de selado. Como no caso anterior, previamente haberá que reparar as fochancas e perfilar as mordentes con grava e cun tratamento asfáltico semiprofundo.

O concelleiro de Obras Públicas, Blas García, indica que "seguimos a licitar actuacións no rural de Ames, xa que é importante ter en conta e mellorar as condicións nas que se atopan a maioría dos lugares do rural amesán".

Finalmente na actuación de Frenza, contémplase a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias, así como o emprego de pedra en rama nas zonas que sexa necesario para que haxa un correcto drenaxe lonxitudinal e transversal.