Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de contratación de catro proxectos incluídos no PAI 2015

Xoves, 05 de novembro de 2015

[05-11-2015] Esta mañá a Xunta de Goberno local deulle luz verde ao inicio do expediente de contratación de catro proxectos que están incluídos no Plan de aforro e investimento (PAI) 2015 da Deputación Provincial da Coruña. Estes proxectos son a reparación de interiores en Castelo (Ames); a reparación de interiores en O Reino (Trasmonte) e outros; a mellora na EDAR do polígono do Milladoiro; e a reparación de interiores en Pegariños (Ames) e outro. Neste último proxecto, tamén se recolle unha actuación para reparar o firme das rúas Pesqueiras, Entrerríos e Ameneiral, que están situadas na localidade de Bertamiráns.

Cómpre lembrar que a corporación municipal aprobou a adhesión ao Plan de aforro e investimento (PAI) 2015 da Deputación Provincial da Coruña nun pleno extraordinario celebrado no pasado mes de febreiro. A través deste plan provincial, o Concello de Ames dispón de 390.665 euros. Desta cantidade, o 24,25% -preto de 95.000 euros- está destinado a reducir o endebedamento, que se corresponde coa contía mínima esixida nas bases. Co 75,75% restante, é dicir, 295.928 euros, executaranse varios proxectos municipais.

O concelleiro de Obras Públicas, Blas García, apunta que “se trata de obras que serven para acondicionar varios núcleos rurais que estaban en mal estado como son a zona de O Reino, na parroquia de Trasmonte, ou os lugares de Castelo e Pegariños na parroquia de Ames”. O edil amesán tamén destaca que “nos próximos plans provinciais intentaremos incluír obras noutros lugares, para realizar traballos de mellora en todas as parroquias do concello”.

Descrición dos proxectos
O proxecto de reparación do camiño interior en Castelo (Ames) conta cun orzamento de 43.737,41 euros. As obras realizaranse en cinco treitos. Primeiro haberá que reparar as fochancas e perfilar as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Nos tres primeiros tramos preténdese repoñer o firme da calzada con quince centímetros de formigón e nos dous últimos repararase o firme cun tratamento asfáltico superficial e cun rego de selado en toda a plataforma.

As obras en O Reino (Trasmonte) e outros teñen un presuposto de 72.487,22 euros. Este proxecto inclúe tres actuacións: a reparación interior da aldea, a mellora do camiño no lugar de Salgueiro e na vía que une Trasmonte e Suevos.

Por outra banda, o proxecto de reparación de interiores en Pegariños (Ames) e outro, que conta cun orzamento de 81.315,99 euros, recolle os traballos para acondicionar o lugar de Pegariños, pertencente á parroquia de Ames. Para a mellora deste camiño interior empregarase formigón en oito treitos e asfalto nun tramo de 420 metros de lonxitude e 4 metros de ancho. Ademais, neste proxecto contémplase outra actuación para reparar o firme das rúas Pesqueiras, Entrerríos e Ameneiral, que están situadas na localidade de Bertamiráns.

Un cuarto proxecto, dotado de 98.387,83 euros, recolle obras de mellora na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do polígono do Milladoiro.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: " El Concello destina fondos de la Diputación a mejoras en cuatro núcleos rurales"
El Correo Gallego: "Mejoras viarias en Castelo, Pegariños, Bertamiráns, la EDAR del polígono y Reino"