Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de contratación das obras de saneamento nos lugares de Suevos e Sorribas

Xoves, 24 de outubro de 2019

Esta mañá celebrouse unha nova sesión da Xunta de Goberno Local na que se aprobou o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado con un único criterio de adxudicación, das obras de saneamento en Suevos e Sorribas, incluídas no POS 2019. Ademais, aprobouse o expediente de licitación para a contratación dunha operación de préstamo, por importe de 312.127 euros, para o financiamento de actuacións da EDUSI; e o expediente de modificación do contrato do servizo de monitoraxe na Rede de Comedores Escolares, para o curso 2019-2020, debido ao aumento de usuarios/as.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este xoves, 24 de outubro, o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado con un único criterio de adxudicación, das obras de saneamento nos lugares de Suevos e Sorribas, ambos pertencentes á parroquia de Trasmonte, incluídas no POS 2019. No lugar de Suevos contémplase darlle continuidade á rede de saneamento existente. Así, ampliarase a rede de saneamento en 260 metros, cun total de 11 pozos de rexistro.
 
No lugar de Sorribas tamén se lle vai dar continuidade á rede de saneamento existente. Neste caso está previsto ampliar en 755 metros a rede de saneamento cun total de 22 pozos de rexistro. Todos os colectores proxéctanse en PVC e instalarase cos seus pozos de rexistro correspondentes. O orzamento base de licitación deste proxecto é de 105.975 euros.

Por outra banda, aprobouse o expediente de licitación dunha operación de endebedamento ao longo prazo, por un importe de 312.127,29 euros, para financiar inversións do orzamento municipal 2019. Trátase de 12 actuacións recollidas no Plan Impulsa Ames da EDUSI. Estas actuacións teñen un custe total de 1.248.509,12 euros, dos cales o Concello sufraga 312.127,29 euros, e o importe restante, 936.381,87 euros, son sufragados con cargos aos fondos FEDER que lle foron concedidos ao Concello de Ames. Estes proxectos recollen actuacións urbanísticas, de mellora do alumeado público, asistencia social, sociedade da información e patrimonio municipal.   

Por último, aprobouse iniciar o expediente de modificación do contrato do servizo de monitoraxe na Rede de Comedores Escolares. Dita modificación será para o curso 2019-2020 e por importe de 88.531 euros, debido ao incremento de usuarios/as.

A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de contratación das obras de saneamento nos lugares de Suevos e Sorribas