Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de contratación das obras de mellora no camiño que vai dende A Garea ata Calo, en Agrón

Xoves, 07 de xullo de 2016

[07-07-2016] A Xunta de Goberno Local vén de darlle luz verde ao inicio do expediente de contratación das obras de mellora no camiño que une os lugares de A Garea e Calo, situados na parroquia de Agrón. Este proxecto, que está incluído no plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2016, conta cun orzamento de 72.545,55 euros. A través destes traballos mellorarase o estado do firme desta vía coa conseguinte mellora da seguridade viaria nesta parroquia amesá.

En materia de obras tamén se aprobou a clasificación de ofertas e mailo requirimento de documentación para a adxudicación de dous proxectos. Nun destes proxectos recóllense as obras de conexión do polígono industrial Novo Milladoiro, dende avenida do Muíño Vello, á estrada de Ventín, que se enmarca dentro do PAS da Deputación da Coruña. A través desta actuación trátase de conectar a avenida Muíño Vello á estrada de Ventín.

Desta forma a parte oeste do núcleo urbano do Milladoiro estará conectada directamente co polígono industrial do Milladoiro, alixeirando o tráfico que cruza cada día a avenida Rosalía de Castro, eixe central do Milladoiro. As obras inclúen o acondicionamento da explanación e o posterior afirmado dun tramo de 240 metros, a colocación de gabias para a recollida da auga pluvial e de sinalización viaria. O presuposto total desta obra ascende a 144.878 euros.

O concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, destaca que “a construción deste viario servirá ademais como acceso á parte traseira do IES do Milladoiro. Trátase dunha obra que leva reclamando a comunidade educativa do centro escolar dende hai tempo".

O outro proxecto recolle as obras de sinalización horizontal nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro, que se enmarca dentro do POS 2015. A través desta iniciativa vaise a repoñer a sinalización horizontal correspondente aos pasos de peóns, vaos, zonas de carga e descarga, aparcamentos para discapacitados e liñas centrais e de borde de carrís dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro co obxectivo de mellorar a súa percepción por parte de condutores e viandantes e adaptarse á normativa vixente. O orzamento desta obra ascende a 132.241 euros (IVE incluído).

Por outra banda, concedeuse unha licenza para a construción dunha vivenda unifamiliar no lugar da Igrexa, en Covas, así como dúas licenzas de segregación de parcelas en Caroubáns (Covas) e Firmistáns (Bugallido). Por último, aprobouse a concesión dunha licenza de primeira ocupación a un veciño de Mourigade (Bugallido).

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Dan luz verde a la mejora del vial de A Garea a Calo"
La Voz de Galicia:"El Concello inicia el expediente para obras en Agrón y retoma varios proyectos pendientes"