Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba a licitación do contrato de obras para a mellora do firme do tramo urbano da avenida da Maía, en Bertamiráns

Xoves, 05 de novembro de 2020

O pasado 15 de outubro, a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado, tramitación ordinaria e oferta económica máis vantaxosa, do contrato de obras de mellora do firme do treito da estrada AC-543, entre o punto quilométrico 6+250 (rotonda da AG-56) e o punto quilométrico 8+390 (límite co concello de Brión), convocando a súa licitación, Previamente, no pleno ordinario do pasado mes de setembro a Corporación municipal aprobou por unanimidade o proxecto técnico de dita obra.

O Concello de Ames avanza na tramitación do expediente de contratación para realizar as obras de mellora do firme do tramo urbano da avenida da Maía, en Bertamiráns. Cómpre lembrar que o pasado 30 de abril publicouse no Diario Oficial de Galicia o cambio de titularidade a favor do Concello de Ames do tramo da estrada AC-543, comprendido entre o punto quilométrico 6+250 e o punto quilométrico 8+390.

Deste xeito, dende o 1 de maio a avenida da Maía, entre a rotonda que dá acceso á autovía AG-56 e o límite municipal co concello de Brión, pasou a depender do Concello de Ames. Previamente, o Concello de Ames e maila Axencia Galega de Infraestruturas asinaron un convenio de colaboración para mellorar o firme da avenida da Maía e para transferir esta vía urbana ao Concello de Ames.

En dito acordo recóllese que a Xunta de Galicia financiará con 140.101,75 euros a mellora do firme do tramo da estrada AC-543, no treito entre a glorieta da autovía AG-56, no punto quilométrico 6+250, e o límite municipal con Brión, no punto quilométrico 8+390. Este convenio está ligado ao orzamento da Xunta de 2020. Este convenio foi previamente aprobado por unanimidade pola Corporación municipal no pleno ordinario de decembro de 2019.

Dito proxecto está dividido en dúas partes: a primeira abarca a mellora do firme dende a glorieta da autovía AG-56 ata o centro de Bertamiráns (73.000 euros) e o segundo dende o centro de Bertamiráns ata o límite municipal con Brión (68.000 euros).

Unha vez dito proxecto foi aprobado polo Pleno na sesión ordinaria do pasado mes de setembro, iniciáronse os trámites para tramitar o proceso de licitación. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 15 de outubro o expediente de licitación de dito proxecto.

Características das obras a executar
As obras executaranse naqueles tramos nos que o firme está en peor estado e tamén naquelas zonas do firme nas que se van a realizar modificacións na circulación. Tamén se van habilitar novos pasos para peóns na avenida da Maía e arranxar o firme dos espazos de estacionamento, que se atopan nas beiras da estrada, que están en peor estado.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica sobre estas obras que "fundamentalmente se vai a mellorar o asfalto nas zonas nas que estaba máis deteriorado, e se vai a mellorar a seguridade peonil con varios novos pasos de peóns", pero, segue dicindo o concelleiro "o cambio fundamental vai a estar na xestión directa desta vía por parte do Concello, o que facilitará que se podan facer cambios ou melloras que antes eran máis complicados ao depender da Xunta de Galicia".

A maiores, informa Blas García, que “a idea do Goberno municipal é solicitar a transferencia de varios tramos máis de estradas para que sexan de competencia municipal como o tramo da estrada DP-0205, dende o inicio da rúa Alcalde Lorenzo ata o inicio da ponte da Condomiña; a avenida da Peregrina e o tramo da AC-544 ao seu paso por diante do CEIP da Maía, e maila rúa Seixabre, que une a AC-544 coa CP-0202”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Aprobada la licitación de la mejora del firme de la travesía de Bertamiráns"

Revista AmesGo: "Aprobada a licitación da mellora do firme da avenida da Maía"

Avenida da Maía.