[28-07-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar inicialmente, este pasado xoves 26 de xullo, o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para poder executar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro. Anteriormente a dita aprobación, os membros do goberno municipal tiveron varias xuntanzas cos/as propietarios/as localizados no catastro para informar das valoracións e do procedemento de expropiación dos terreos. Estas parcelas poranse a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia, para a construción dun novo colexio público de infantil e primaria no Milladoiro. A superficie afectada polo Plan Especial, para a dotación de infraestruturas escolares, é de 20.000 metros cadrados, repartidos en 13 parcelas.
Na sesión plenaria do 27 de decembro de 2012 o Concello de Ames aprobou de xeito definitivo un Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID), para a dotación de infraestruturas escolares, no que se fixou como sistema de actuación o de expropiación. Dita tramitación fíxose coa finalidade de realizar a posta a disposición dos terreos para a construción dun novo colexio público na localidade do Milladoiro. Dende a súa aprobación quedou pendente de resolver o proceso de adquisición dos terreos, ata que no ano 2016 retomáronse os contactos cos propietarios localizados.
Co obxectivo de avanzar nos trámites necesarios para a dispoñibilidade pública dos terreos, sendo esta unha prioridade para o goberno municipal, convocouse unha primeira xuntanza informativa en maio de 2017, para informar do procedemento de expropiación para dotación escolar no Milladoiro. Posteriormente, durante os primeiros meses de 2018 mantívose unha segunda xuntanza cos propietarios localizados dos terreos co obxectivo proporcionarlle información sobre dito proceso, como paso previo a iniciar o procedemento administrativo de expropiación. A superficie afectada polo Plan Especial é de 20.000 metros cadrados, repartidos en 13 parcelas.
Agora, unha vez a Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente, o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para poder executar dito Plan, o proxecto deberá ser exposto por un prazo dun mes, para quen o estime oportuno poida presentar alegacións. Asemade, as taxacións deberán ser notificadas individualmente a aquelas persoas que aparezan como titulares das parcelas afectadas. Posteriormente, será necesario aprobar a aprobación definitiva de dito proceso de expropiación. A partir de aí será o Concello o que teña que proceder inscrición rexistral das parcelas.
Cesión dos terreos á Xunta de Galicia
O obxectivo é poder poñer en disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia, ditas parcelas para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro. Por primeira vez, o Concello de Ames destina unha partida específica no Orzamento municipal para afrontar o procedemento de expropiación, como única posibilidade para axilizar a dispoñibilidade pública dos terreos.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explicou “estanse a dar os avances necesarios para que a dispoñibilidade pública das parcelas poida ser unha realidade neste ano 2018, ao existir iniciativa política e orzamento para facelo. A adquisición de solo para equipamentos educativos é unha necesidade urxente para o Milladoiro e unha prioridade para o goberno municipal”.
Construción dunha residencia para a terceira idade
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente o documento do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID), para a construción dunha residencia para a terceira idade, de iniciativa privada. Esta instalación construirase en solo rústico, apto para urbanizar, situado na Travesía da Moa, no Milladoiro.





