Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinado ao alumnado de segundo ciclo de educación infantil

Xoves, 22 de setembro de 2016

[22-09-2016] A Xunta de Goberno local de Ames vén de aprobar a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas a alumnos de segundo ciclo de educación infantil para o curso 2016-2017. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 18.500 euros. As solicitudes para participar na presente convocatoria poderán presentarse no rexistro xeral do Concello no prazo de 30 días naturais dende o día da súa publicación no BOP. Previamente, ditas bases serán publicadas na base nacional de subvencións. Desta liña de axudas beneficiáronse o ano pasado un total de 92 persoas.

Estas bolsas permitirán financiar os gastos, efectuados desde o 1 de xullo de 2016 e o día en que finalice o prazo de presentación das solicitudes, en libros de texto, materiais curriculares e demais material didáctico e complementario. Poderán optar a estas subvencións os pais e nais -ou titores legais- dos nenos e nenas matriculados no curso escolar 2016-2017 nun centro de ensino sostido con fondos públicos, no nivel de Educación Infantil (2ª etapa, de 3 a 5 anos).

Os requisitos que deberán cumprir os solicitantes son estar empadroados e residir de modo efectivo no Concello de Ames no momento da solicitude; as/os alumnas/os para os que se solicita as axudas deben estar matriculados no curso escolar 2016/2017 en centros de ensino sostidos con fondos públicos no nivel de educación infantil (2ª etapa, de 3 a 5 anos); e que a renda per cápita da unidade familiar, computando os ingresos percibidos por todos os seus integrantes no exercicio 2015, non fora superior ao 100 % do IPREM anual con pagas extras fixado para o exercicio 2015 na cantidade de 7.455,14 euros.

As axudas teñen límites económicos por alumno/a que se establecen nas bases da convocatoria. Deste xeito, as unidades familiares cunha renda per cápita de menos do 50% do IPREM recibirán un importe máximo de axuda de 120 euros; as que conten cunha renda per cápita do 50% ata o 75% do IPREM, recibirán 100 euros, e para as unidades familiares con renda per cápita do 75% ao 100% do IPREM a axuda será de 80 euros.

Tramitación das solicitudes
Esta convocatoria de axudas está destinada aos alumnos e alumnas de segundo ciclo de educación infantil. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral da Casa do Concello, en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina, tamén en Bertamiráns, ou na Oficina municipal do Milladoiro. O prazo de presentación de solicitudes queda establecido en 30 días naturais dende o día da publicación desta convocatoria de axudas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Este ano como novidade, esta convocatoria de axudas deberá ser publicada na base nacional de subvencións. Este órgano será o encargado de remitir as bases para que sexan publicadas no boletín oficial da provincia. No momento no que saían as bases publicadas no BOP, o Concello de Ames informará á veciñanza sobre a apertura do prazo de presentación de solicitudes a través da web municipal e das redes sociais. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476.