Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba a convocatoria de axudas para as actividades realizadas polas asociacións culturais e para a celebración de festexos populares

Luns, 24 de marzo de 2014

[24-03-2014] O Concello de Ames acaba de aprobar, en Xunta de Goberno Local, as bases das convocatorias de dúas liñas de axudas: a de promoción de actividades levadas a cabo polas asociacións culturais e a de festexos tradicionais. En total, destinarase 69.600 euros ao impulso e promoción de actividades culturais e festas populares no municipio amiense. A convocatoria de axudas para a promoción das actividades culturais está dotada de 40.000 euros, mentres que a convocatoria de axudas para a celebración de festexos populares conta con 29.600 euros. As bases de ambas as dúas convocatorias de axudas serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases destas convocatorias de axudas.

Á primeira liña de subvencións poderán optar as asociacións culturais do concello de Ames, legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións. Os datos da inscrición deben estar debidamente actualizados no momento de solicitar a axuda. O obxectivo destas axudas, impulsadas pola Concellaría de Cultura, é achegar a cultura ao maior número de cidadáns e contar cunha vida cultural estable dentro do ámbito territorial do concello, programada e levada a cabo polas entidades do ámbito privado. Ademais, búscase promover a participación da veciñanza na vida das entidades culturais. A contía destinada a esta convocatoria ascende a 40.000 euros e o importe individual das achegas concedidas non poderá superar os 7.500 euros.

O goberno municipal tamén vén de aprobar as bases da convocatoria de axudas para a promoción de festexos tradicionais. En total, a esta convocatoria destinaranse 29.600 euros e poderán beneficiarse dela as asociacións culturais de Ames, legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal, e as comisións de festas.

Algúns dos obxectivos desta liña de axudas é fomentar a participación activa da veciñanza nas festas; preservar as tradicións existentes nas distintas parroquias do Concello; e difundir a imaxe de Ames a través da súa oferta festiva, de xeito que esta sirva como elemento de dinamización de cada unha das parroquias en que se celebren festas, así como de atracción de visitantes de cara aos vindeiros exercicios.

Prazo para presentar as solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes a estas dúas liñas de axudas será dun mes desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP). En caso de rematar nun día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato hábil seguinte. Os interesados e interesadas deberán presentar a documentación solicitada nas bases. As solicitudes deberán presentaranse no Rexistro xeral do Concello, de xeito presencial ou a través da sede electrónica.