Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba a concesión de licenza de obra para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro

Martes, 13 de xuño de 2017

[13-06-2017] Esta mañá celebrouse unha Xunta de Goberno extraordinaria na que se aprobou a concesión de licencia de obra á Xunta de Galicia para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Este trámite realizouse despois de que a Administración autonómica aboase as taxas correspondentes. Agora, será a Xunta a que teña que abrir o proceso de licitación para adxudicar as obras de construción deste equipamento tan necesario para Ames. Trala reunión da Xunta Local de Goberno o alcalde e seis concelleiros/as do grupo de goberno visitaron a parcela onde se vaia a construír o centro de saúde e presentaron o proxecto ante os medios de comunicación.


Urbanización do contorno do centro de saúde
De xeito, paralelo o goberno municipal realizará os trámites necesarios para prestar os servizos necesarios no contorno do centro de saúde. Dende o Concello traballarase para dotar á parcela do centro de saúde das infraestruturas necesarias, tales como accesos, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado, telefonía, e a regulación do aparcamento na zona próxima ao centro de saúde e en colaboración coa Consellería. Estas infraestruturas deberán estar realizadas á entrada en funcionamento do centro de saúde.

Por outra banda, o Concello de Ames acondicionará a Travesía do Porto para dotar de máis zonas de estacionamento a esta avenida da zona norte do Milladoiro. Ademais, os usuarios/as do centro de saúde disporán da zona de estacionamento da Casa da Cultura e do aparcamento que está en fronte a EEI do Milladoiro. Miñones afirma que “pedimos que se cumpran canto antes os prazos, xa que unha vez pagadas as taxas e concedida a licenza de obra, agora queda iniciar o proceso de licitación para que se inicien as obras o antes posible”.

Por último, o concelleiro de Urbanismo, Blas Garcia, salientou que “dende o primeiro minuto que chegamos ao goberno un dos obxectivos fundamentais foi poder facer o centro de saúde do Milladoiro. Todos éramos conscientes das dificultades que había coa parcela e buscamos unha alternativa para poder dispor doutra parcela. Incluso asinamos un convenio cos propietarios de dita parcela, que finalmente non foi necesario debido a que a sentencia do S-15 foi favorable aos intereses do Concello. Durante estes dous anos que levamos de goberno fixemos todo o traballo posible para poder sacar adiante o centro de saúde”.

Asemade, esta parcela queda encadrada dentro dunha zona na que a Xunta de compensación do S-15 terá que promover con diferentes edificios que son para uso privado. Ademais, dentro deste ámbito o Concello disporá dun espazo con uso dotacional (onde agora está situado un aparcamento provisional de terra) ao cal o Concello de Ames lle terá que dar o uso máis axeitado a través dos fondos achegados pola convocatoria DUSI ou de fondos propios.

O novo centro de saúde do Milladoiro ten un orzamento estimado de execución material de 1.884.919,34 euros e uns 1.600 metros cadrados de superficie construída. Este centro de saúde contará, ademais das instalacións auxiliares, con 23 despachos para os médicos, enfermeiros/as, farmacia, matrona, educación sanitaria, odontólogo, fisioterapeuta co correspondente ximnasio, toma de mostras, consultas polivalente de técnicas de urxencias de probas, consultas de pediatría, e para os traballadores/as sociais.

Esta infraestrutura disporá principalmente de tres módulos. No primeiro estarán situadas as áreas de pediatría e maternidade; na segunda estará a área de medicina xeral, e a terceira estará dedicada a fisioterapia, odontoloxía e salas de oficinas. Asemade, existirán varias zonas verdes que lle darán luz natural aos diferentes módulos, e unha parte baixa na que estarán instaladas as caldeiras da calefacción de eficiencia enerxética, etc. A entrada deste equipamento lindará coa Travesía do Porto e estará construída cun prefabricado de formigón.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “na entrada estará o punto de acceso das ambulancias. Haberá unha zona con árbores e bancos para o ocio social. Ademais, na entrada estará a recepción, a continuación estarán as áreas de pediatría, da matrona, e despois atoparanse as salas técnicas de toma de mostras e de farmacia. De seguido haberá dúas áreas de medicina xeral e enfermería, así como a de fisioterapia. No lateral esquerdo do edificio construíranse os despachos da traballadora social, odontoloxía e hixienista. Un dos cambios que se fixo respecto do anteproxecto inicial foi permitir a conexión entre os diferentes espazos, xa que inicialmente as zonas verdes, que lle dan moita iluminación ao centro, ían independentes. Deste xeito, vai haber bastante circulación entre as distintas áreas, excepto na zona de fisioterapia, que ten que estar independente”.

A concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, destacou que “con este novo proxecto o que ganamos é a mellora de calidade e atención, sobre todo, porque vamos a dispoñer do que é a sala de odontoloxía, a hixienista dental e fisioterapia, que eran servizos que ata o de agora para poder acudir a eles tíñamos que ir a Santiago, e a partir da construción deste novo centro xa as nosas veciñas e veciños poderán dispoñer deles aquí. Teremos unha mellor atención no que é medicina xeral, xa que se aumentan os facultativos e os propios profesionais poderán dispoñer de mellores instalacións, co cal mellorará tamén o que é a atención á veciñanza”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Aprueban la licencia del futuro centro de salud de Milladoiro"
La Voz de Galicia: "El centro de salud de Milladoiro queda pendiente de que el Sergas licite la obra"
El Correo Gallego: " Ames ultima su Milla de Oro"