[21-12-2017] A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe xoves, 21 de decembro, o reparto de 15.520 euros entre nove ANPAS de centros educativos do concello de Ames. Deste xeito, resólvese a convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS dos centros educativos de Ames no exercicio 2016. Entre os obxectivos principais desta convocatoria de axudas sobresae o enriquecemento da formación da poboación escolar do concello de Ames.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “o goberno destina máis de 15.000 euros a cofinanciar actividades das ANPAS dos centros escolares de Ames. Hai que destacar tamén que foi un proceso participativo no que a comunidade educativa adaptou a convocatoria ás actividades que realizan e incluíron novos conceptos subvencionables”.
A ANPA San Mauro do CEIP de Barouta recibirá 2.000 euros; a ANPA da escola infantil da Madalena disporá de 750 euros; a ANPA do CEIP Agro do Muíño recibirá 2.000 euros ao igual que a ANPA Millapeques da EEI Milladoiro, que tamén disporá de 2.000 euros. Para a ANPA da escola infantil A Galiña Azul As Figueiras do Milladoiro aprobouse unha axuda de 200 euros, mentres que a ANPA do CEIP A Maía disporá dunha axuda de 3.000 euros. Esta mesma cantidade, de 3.000 euros, será para a ANPA As Brañas do CEP de Ventín. Por último, a ANPA do IES do Milladoiro recibirá 2.000 e a ANPA do IES Plurilingüe de Ames disporá de 570 euros.
Entre os obxectivos principais desta convocatoria de axudas sobresae o enriquecemento da formación da poboación escolar do Concello de Ames, a través de actividades complementarias á formación regrada que reciben nos centros educativos, así como o fomento da convivencia do alumando fóra do ámbito puramente académico. Ademais, tamén se busca propiciar unha mellora do rendemento por parte da poboación escolar.
Axudas para saídas culturais e actividades extraescolares
A través destas axudas as ANPAS poden sufragar ata o 100% dos gastos que lle supuxeron as saídas culturais, as actividades extraescolares, os encontros e xornadas, así como o mobiliario e o material didáctico do exercicio 2016. Para outorgar ditas axudas considéranse saídas culturais aquelas que incluíron no seu desenvolvemento a visita a lugares ou a asistencia a eventos de carácter histórico ou artístico.
As actividades extraescolares foron aquelas que se desenvolveron con carácter estable ao longo dun período similar ao do curso escolar. As xornadas e encontros foron aquelas orientadas á mellora do coñecemento e convivencia do alumando e das nais e pais. Todas estas actividades deberon ir dirixidas ao alumando do centro de ensino que solicitou a axuda. Pola súa banda, enténdese como mobiliario e material didáctico todos aqueles elementos necesarios para o desenvolvemento da actividades da ANPAS, como poden ser mesas, cadeiras, taboleiros, libros ou revistas.




